Subvencións municipais

O Goberno local garantirá a transparencia no outorgamento das subvencións a través dun plan estratéxico

Lage Tuñas anunciou que o Plan regulará o funcionamento dos convenios e subvencións municipais, será plurianual para o período 2020-2022 e presentarase nos primeiros seis meses do 2020
O Goberno local garantirá a transparencia no outorgamento das subvencións a través dun plan estratéxico
Pleno 5 decembro
Pleno 5 decembro

A Coruña, 5 de decembro de 2019.- O Goberno local elaborará no primeiro semestre do ano que vén un plan estratéxico de subvencións para 2020-2022 que responda ás necesidades dunha maior transparencia no repartimento de recursos públicos. Con el, regularase o funcionamento dos convenios e axudas municipais.

Así o anunciou hoxe José Manuel Lage, concelleiro de Facenda, durante o debate plenario da conta xeral do ano 2018. "Trátase de dar pasos para avanzar en todo aquilo que supoña unha mellor xestión das distintas políticas públicas que realiza o Concello e garantir o uso racional, eficaz e eficiente dos recursos públicos coa ollada posta na cidadanía." explicou.

Lage recordou que "é a veciñanza a destinataria de todo o traballo que este concello fai e por iso o Goberno Local que dirixe Inés Rey aspira a darlle todas as ferramentas de coñecemento previo e posterior das actuacións que se materializan. Cumprir así coas obrigas de transparencia e a publicidade nos ámbitos normativo e político."

Ao mesmo tempo dende o Goberno Local lembrouse que o Concello vén cumprindo cos requisitos que esixe a normativa e co seu control económico e financeiro pero cómpre seguir avanzando, "de aí que vaiamos elaborar un Plan Estratéxico de Subvencións".

O edil de Facenda explicou que a necesidade de sacar adiante o Plan estratéxico de subvencións vén da obriga de cumprir cos artigos 8.1 da Lei 38/2003, xeral de subvencións e do 10 ao 15 do Regulamento xeral da Lei (RD 887/2006), que regulan polo miúdo o seu contido mínimo e que o Tribunal Supremo ratificou en sentenzas do 16 de abril de 2013 e do 26 de xuño e 4 de decembro de 2012. Estas recordan que estes plans estratéxicos de subvencións teñen un carácter previo ao establecemento de calquera subvención, "e constitúen un requisito esencial", por seren necesarios para deseñar e avaliar a actividade municipal de fomento, no referente a actividades de utilidade pública ou interese social ou de promoción de finalidades públicas; e en termos de eficacia e eficiencia no destino dos recursos públicos, e, sobre todo, no escenario orzamentario e financeiro actual condicionado polos principios de estabilidade e sustentatibilidade económico-financeira.

Aínda que o Plan estratéxico non ten rango normativo no sentido de que non lles crea nin dereitos nin obrigas ás persoas ou entidades posibles beneficiarias, si vincula politicamente a Corporación Municipal ao impedir a concesión de subvencións para liñas de acción non recollidas no plan e establece unha obriga específica de motivación das desviacións que eventualmente se produzan respecto das súas previsións, sen prexuízo das modificacións que deriven dos informes de seguimento, nos termos do artigo 15 do regulamento da Lei de subvencións.

O PES (Plan estratéxico de subvencións) do Concello elaborarase despois de que entre en vigor o Orzamento municipal para 2020 ou a súa prórroga eventual. O período mínimo de vixencia é de tres anos (2020-2022) porque así o esixe a norma e os principios básicos que constituirán a expresión formal dos seus elementos definidores e que serán os de publicidade e concorrencia, mediante convocatoria previa en que se garanta a concorrencia e igualdade na distribución dos fondos públicos; os de obxectividade, igualdade e non discriminación, transparencia, eficacia e eficiencia. Deberá seguir tamén os preceptos de solidariedade, universalidade e globalidade, isto é, a integración, coordinación e complementariedade entre todos os servizos e actuacións.

Co plan, que se introducirá na vida cotiá, concretaranse os proxectos en unidades de ordenación co fin de axilizar e aproveitar os recursos adaptados ás necesidades, cunha regulación homoxénea e coa cooperación dos axentes que interveñan. Transferiranse as funcións e simplificaranse as tramitacións administrativas para axilizar as xestións e o fomento de iniciativas sociais. Daráselles unha maior accesibilidade aos servizos que se ofrecerán de forma integral baseándose na coordinación entre administracións e a colaboración coas entidades privadas.

O plan incluirá non só as previsións de subvencións do Concello, senón tamén as dos organismos autónomos e demais entes públicos vinculados a el (fundacións, empresas públicas, consorcios e IMCE) e deberá ter en conta a normativa municipal xa existente sobre a materia e mais as bases de execución orzamentaria.

Entre os seus contidos estará un calendario cos obxectivos estratéxicos e específicos que se pretenden con cada unhas das axudas; as áreas de competencia municipal afectadas; o prazo necesario para a súa consecución, os custos previsibles e as fontes de financiamento.

Ademais, deberá informar do réxime de seguimento e avaliación, o número de solicitudes por subvención, a porcentaxe das que foron executadas co importe das concedidas e xustificadas e a porcentaxe de renuncias e reintegros; o tempo medio de tramitación, os recursos económicos destinados á finalidade, en termos monetarios absolutos e en porcentaxe respecto do total anual; o número de actuacións desenvoltas e de persoas beneficiarias, xunto coa cifra de poboación destinataria das accións subvencionadas.

Ademais, a novidade é que terá que reflectir a cantidade de subvencións concedidas e a porcentaxe en relación co total das solicitadas, os indicadores de impacto de xénero e social en colectivos obxecto de vulnerabilidade, o impacto económico e social e o que beneficiará a industrialización, a tecnoloxía e a economía do coñecemento, así como os efectos en relación coa transición ecolóxica.

Ao tempo, cada ano redactarase un informe anual que permitirá modificar algunhas liñas de subvención ou introducir outras novas; actualizar ou minorar importes; e reformular a normativa municipal que resultar procedente.

Unha vez aprobado o PES, será publicado xunto coas memorias anuais de avaliación. Crearase tamén na web municipal un apartado dedicado ás subvencións e en que se darán os avisos precisos canto ás convocatorias.

Pola súa parte, a Dirección Xeral da Área de Economía e Facenda será a encargada do seguimento do devandito plan. Para iso, traballará a partir de 2020 na súa formulación e no impulso dos procedementos de outorgamento e xustificación con unificación de criterios para as distintas áreas de xestión,  na súa tramitación electrónica con formularios accesibles e homoxéneos e nun calendario de fitos procedementais común para os distintos departamentos involucrados.

O Goberno local garantirá a transparencia no outorgamento das subvencións a través dun plan estratéxico