BNG | nota de prensa

Jorquera chama o goberno local a que abra unha investigación sobre o caso STL

Jorquera enfatiza que feitos tan graves como os investigados só os denunciase, neste mandato e antes da operación policial, o BNG. O candidato do BNG na Alcaldía sinala que “os sucesivos gobernos municipais si coñecían a existencia de prácticas que merecían ser investigadas, mais non actuaron coa suficiente dilixencia”
Jorquera chama o goberno local a que abra unha investigación sobre o caso STL
Conferencia de prensa Jorquera sobre o STL
Conferencia de prensa Jorquera sobre o STL

A Coruña, a 4 de abril de 2023. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, vai defender unha moción no Pleno do vindeiro 13A por medio da cal insta o Goberno Local a que abra unha investigación sobre o caso STL coa perspectiva de, se ficar probada a comisión de delitos, “exercer coa máxima contundencia a potestade sancionadora, incluída a rescisión dos contratos de concesión”.

Nunha conferencia de prensa realizada na oficina do BNG en María Pita, e a preguntas dos medios, Jorquera mostrou a súa convicción de que “os sucesivos gobernos municipais si coñecían a existencia de prácticas que merecían ser investigadas, mais non actuaron coa suficiente dilixencia”.

“Gosto de ser moi prudente. Falamos de feitos que, se se demostraren, son constitutivos de gravísimos delitos. Non actuar [desde os sucesivos gobernos municipais] ante a evidencia de que se estaban a cometer gravísimos delitos, tamén significaría incorrer en responsabilidades, mesmo penais. Gosto de ser prudente antes de formular acusacións tan graves. O que si creo é que todos os gobernos municipais nos últimos mandatos tiñan coñecemento de prácticas no servizo de limpeza e recollida de lixo que afectaban o seu correcto funcionamento e que merecían ser investigadas no mínimo no ámbito político”, dixo o portavoz do BNG no Concello.

En todo caso, para Jorquera é evidente que os sucesivos gobernos municipais si tiñan coñecemento de prácticas que merecían ser investigadas para asegurar unha correcta prestación de servizo e respecto dos dereitos laborais dos traballadores. “Non se actuou coa suficiente eficacia e interese por parte dos sucesivos gobernos municipais”, alega Jorquera.

Ao candidato do BNG á Alcaldía chamoulle moita a atención que feitos tan graves como os investigados na trama do STL –mordidas en troca de empregos ou de promocións laborais, acoso a traballadores que se resistían ás coaccións- “só os denunciase o BNG”. “E que mesmo unha vez iniciada a investigación policial ningún outro grupo municipal se manifestara publicamente ante un feito desta gravidade até despois de que, no primeiro Pleno realizado após a intervención policial, se manifestara, en solitario, o BNG”. Naquel Pleno –o pasado 2 de marzo- Jorquera pediu que a investigación se levase até as últimas consecuencias.

A responsabilidade das concesionarias

O portavoz do BNG puxo en destaque tamén o rol xogado polas concesionarias nos feitos obxecto de investigación policial. “É moi chamativo que as concesionarias dos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo non tivesen feito ningunha manifestación pública desde o inicio da investigación xudicial”, sinalou o candidato nacionalista, “pese a que da información que transcendeu publicamente podería derivarse que estas empresas se inhibiron das súas responsabilidades delegando nun grupo a política de persoal”.

E aínda hai máis: testemuños de traballadores apuntan a que “a folga que afectou a limpeza da cidade en 2022 foi pactada entre o grupo investigado e unha das concesionarias”. A este respecto, Jorquera pon o foco en que “foi unha folga encuberta por non ter sido convocada legalmente” e que “causou graves prexuízos ao conxunto das coruñesas e coruñeses e un serio quebranto económico ao Concello”. “Velaí a necesidade de que se abra unha investigación”, recapitulou Jorquera.

O portavoz do BNG caracterizou a resposta do Goberno Local perante o caso STL como “vacilante, tardía e contraditoria”, nada proclive desde un primeiro momento a abrir unha investigación interna, cousa que anunciou que faría só despois de diversas iniciativas rexistradas polo Bloque.

Con independencia do que dea de si a investigación xudicial, o Concello ten que actuar como titular dos servizos municipais en que se produciron os feitos obxectos das pesquisas. Nese sentido, cómpre indagar se as concesionarias delegaron a política de persoal “a un grupo e a un señor” –como advertiu que estaba a ocorrer Jorquera no Pleno do Concello- e se a folga que afectou a limpeza en 2012 foi pactada pola concesionaria e o STL, concluíu o portavoz do BNG.

Jorquera chama o goberno local a que abra unha investigación sobre o caso STL