Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica convida ao goberno local a repensar o cambio na ordenanza de ruídos

María García: “A protección contra o ruido debe conciliarse con ter unha cidade viva e creativa. Hai que equilibrar as restricións con darlle alternativas á xente. As políticas de mocidade son as grandes esquecidas deste goberno"
A Marea Atlántica convida ao goberno local a repensar o cambio na ordenanza de ruídos
20211028_SGR_AVV_orzan_Z7F4567
María García con representantes da Asociación Veciñal da Enseada do Orzán

A voceira da Marea Atlántica, María García, pediulle hoxe ao goberno local que recapacite e modere a súa proposta para a nova ordenanza de ruídos, que na proposta de cambio é moi restritiva e introduce criterios arbitrarios á hora de fixar as sancións. Para García, “temos que conciliar a protección da veciñanza contra a contaminación acústica con ter unha cidade viva e creativa. Esta norma que se nos presenta non só é excesivamente dura en varios dos seus puntos, senon que vai ser moi difícil de aplicar, pois xa non se fai cumprir a ordenanza actual”. Isto último puidemos constatalo hoxe, tras unha xuntanza coa Asociación Veciñal da Enseada do Orzán, unha zona na que o ruido nocturno xa supera os límites da normativa vixente sen que existan medidas para controlar o problema. 

Ao contrario, a nova normativa o que introduce son importantes restricións ás xuntanzas en vivendas e actividades na vía pública, entre as que chama a atención a de prohibir facer deporte en pistas deportivas públicas dende as 23h en caso de conflito coa veciñanza. Entrementres, equipamentos destinados a un lecer saudable entre a mocidade están en punto morto, coma as Naves do Metrosidero e outras políticas de xuventude. 

Ademais, é preocupante que se elimine a obriga de contar con medicións acústicas antes de poñer unha multa por exceso de ruído en caso de xuntanzas en vivendas, deixando ao criterio particular de cada axente de policía se sancionar ou non, sen ningún tipo de medición. 

Esta proposta da Ordenanza de Municipal de Protección contra a Contaminación Acústica pretende tramitarse sen pasar polo preceptivo trámite de consulta pública nin abrirse ao debate coa veciñanza, un claro erro dado o calado dos cambios que inclúe. 

Nova denegación da visita a Nostián 

Doutra banda, comprobamos con abraio como volveu ser denegada a solicitude de toda a oposición para visitar a planta de tratamento de residuos de Nostián, e coñecer a súa situación tras dous anos co contrato caducado. Desde o 20 de abril, a escusa da empresa que xestiona as instalacións, Albada, é que as limitación sanitarias por mor da pandemia impiden o acceso. Pero se xa era pouco crible en abril, agora, tras a fin da situación de emerxencia sanitaria resulta indignante. O goberno local ten que garantir que a oposición poida exercer o seu labor, en lugar de limitala con criterios pouco democráticos. 

É preocupante que siga sen data a licitación da concesión de Nostián, tras ser rexeitados os que elaborou a Marea Atlántica. E o Comité de Empresa continúa a manifestarse cada Pleno para denunciar a perda de dereitos laborais e o constante deterioro da planta. Iso é que Albada non quere que comprobemos en directo.

Comentarios
A Marea Atlántica convida ao goberno local a repensar o cambio na ordenanza de ruídos