Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica convida ao PSOE a convocar canto antes a comisión de seguimento dos acordos de xullo

"O cumprimento do pacto que asinamos para estes primeiros meses do mandato acumula algúns atrasos, polo que se fai necesario apurar os compromisos"

A Marea Atlántica convida ao PSOE a convocar canto antes a comisión de seguimento dos acordos de xullo
Acordos Marea-PSOE
Acordos Marea-PSOE (imaxe Marea Atlántica)
A Coruña, 26 de novembro de 2019.- O grupo municipal da Marea Atlántica convida ao Partido Socialista da Coruña a celebrar canto antes unha nova xuntanza da comisión de seguimento dos a cordos asinados para os primeiros meses deste mandato. Acumúlanse xa varios atrasos desde a última actualización do pacto, o 24 de setembro, polo que é necesario apurar a execución dos compromisos. Non se deron os pasos previstos para constituír o operador enerxético 100% municipal no seo de Emalcsa, pese a que o PSOE se comprometera a facelo entre outubro e novembro, nin se constituíu tampouco a comisión bilateral para estudar a súa posta en marcha.

Tampouco comezou aínda o cambio do regulamento para facer gratuítas as escolas infantís a partir do vindeiro curso, aínda que o pacto sinala que debía terse feito en outubro. Este mes, o ensino de 0-3 anos deixou a área de Servizos Sociais, totalmente colapsada, e pasou á de Educación. Agardamos que o cambio sirva para acelerar este compromiso.

Bótanse en falta avances nas medidas para protexer as vivendas de Elviña ante a urbanización do Ofimático. E segue pendente a creación dunha bolsa de vivendas en alugueiro social dentro da empresa municipal EMVSA, así como o plan de emprego Coruña Suma. Do mesmo xeito, non se constituíron os grupos de traballo para a recuperación do bordo litoral, nin para estudar as novas bonificacións no billete do bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, previstas ambas para outubro.

Houbo, é xusto recoñecelo, avances nas medidas que se recollen no pacto. O máis significativo, a aprobación no Pleno do proceso para impulsar a creación da Área Metropolitana da Coruña, o día 3 de outubro. Nesa mesma sesión, e tamén en cumprimento dos acordos, aprobouse de xeito definitivo a pioneira Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña.

O inminente inicio da obra para desmantelar o viaduto da rolda de Nelle --que xa contaba con orzamento reservado este ano--, ou a continuidade do proxecto Bosques da Coruña tamén se contan entre os termos do acordo que se están a respectar.

Traballando desde a confianza e o entendemento mutuo foi posible pechar en outubro un acordo para mudar as ordenanzas fiscais do Concello e facelas máis xustas e progresivas. Pero a confianza hai que coidala co cumprimento dos acordos asinados.

A Marea Atlántica convida ao PSOE a convocar canto antes a comisión de seguimento dos acordos de xullo