Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica denuncia o retroceso da Coruña en reciclaxe e políticas de residuos

Entre 2015 e 2018, a reciclaxe medrou un 30% na planta de Nostián, segundo datos da UdC; agora, o goberno de Inés Rey dá pasos atrás, como amosa a recuperación de papel e cartón
A Marea Atlántica denuncia o retroceso da Coruña en reciclaxe e políticas de residuos
residuos na rúa
Residuos na rúa (imaxe de Marea Atlántica)

María García: “O retroceso en compromiso medioambiental deste goberno é moi preocupante. O debate limítase ao aspecto dos contedores, pero non se fala de redución de residuos, nin de reciclaxe”

A Coruña, 19 de xaneiro de 2021.- A voceira municipal da Marea Atlántica denuncia o grave retroceso na reciclaxe na Coruña, que recuperou no último trimestre de 2020 un total de

56.220 quilos menos de papel e cartón ca no mesmo periodo do ano anterior, segundo os datos oficiais da Concellería de Medio Ambiente. “É un paso atrás, precisamente nun ano no que o confinamento aumentou os envíos a domicilio e o número de paquetes no lixo”, explica García, e chega despois de que o Concello recibise o premio Pajaritas Azules en 2017 e 2018 pola súa excelencia na recuperación destes materiais.

“Preocúpanos a inexistencia de políticas de redución de residuos e de reciclaxe, que deberían estar permanentemente nos obxectivos da concellería, pero a única resposta de Esther Fontán é culpabilizar a veciñanza, sen ter feito nin a primeira campaña de educación dende o concello”, afirma a nosa voceira. Na mesma cidade, coa mesma xente, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña. “Pero aínda queda moito por facer, a UE esíxenos recuperar o 50% dos materiais, por iso non podemos permitirnos un retroceso coma o de 2020”.

Políticas de Residuo Cero

“O tipo de contedores e sistema de recollida de lixo condicionan a separación dos residuos e o éxito da reciclaxe, pero estes aspectos que teñen que ver co medio ambiente están sorprendentemente ausentes do debate, é descorazonador”, argumenta María García. “O ideal é eliminar os contedores da rúa. Sería unha notable mellora do espazo público en amplas zonas da cidade, e da reciclaxe ao mesmo tempo. Para iso fai falta moita educación ambiental antes, durante e despois, e traballar moito coa veciñanza. O discurso de Esther Fontán e Inés Rey limítase a se os contedores son bonitos ou son feos, sen ideas, sen iniciativas e sen campañas.”

O novo contrato de recollida de lixo inclúe novos proxectos para seguir mellorando a reciclaxe: compostaxe comunitaria, recollidas a grandes produtores, porta a porta na hostalería, etc. “Deberían aproveitar a oportunidade para continuar avanzando, no canto de queixarse todo o tempo, pero o medio ambiente non lles interesa. Vémolo en políticas de residuos, de enerxía, de natureza e biodiversidade ou de augas”.

Cómpre lembrar que durante o goberno de Xulio Ferreiro se puxeron en marcha iniciativas como o programa Móllate, que logrou reducir de 211 a 93 as toneladas de lixo que quedan na praia logo da noite de San Xoán, menos da metade. Fixéronse cinco campañas de concienciación co comercio e a hostalería. Sometéronse a consulta pública os pregos dos novos contratos.

Tamén se repartiron composteiros individuais para transformar en abono os residuos orgánicos: a cidade podería albergar ata 1.800 destes composteiros, pero Inés Rey ten o programa parado. “Nin sequera se lles aplican as bonificacións do 50% na taxa do lixo que aprobamos no pleno en 2019, co PSOE xa no goberno”, sinala García.

Como indica a nosa voceira, tras máis de ano e medio de mandato, o goberno de Inés Rey non fixo campañas de concienciación, nin rematou a licitación do contrato de recollida de lixo, nin se impulsou a nova licitación de Nostián. Ao final, a tan anunciada intervención da planta só vai servir para que a empresa Albada cobre máis. “O balance desta primeira metade do mandato é moi pobre no ámbito do tratamento e recuperación de residuos, o importante é botar balóns fóra”.

A Marea Atlántica denuncia o retroceso da Coruña en reciclaxe e políticas de residuos