MAREA ATLÁNTICA | NOTA DE PRENSA

A Marea Atlántica esixe á Xunta de Galicia que poña os medios necesarios para que a volta ás aulas sexa segura

“O protocolo do goberno galego ante a COVID19 esixe un incremento de recursos que os centros non poden asumir sós.

Debe garantirse un inicio de curso en condicións de seguridade”, afirma Silvia Caméan

A Marea Atlántica esixe á Xunta de Galicia que poña os medios necesarios para que a volta ás aulas sexa segura
Silvia Cameán
Silvia Cameán

A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia que invista os fondos necesarios para que a voltas ás aulas sexa segura desde o punto de vista sanitario e para impedir que os centros de ensino se transformen en focos de rebotes. “O protocolo do goberno galego ante a COVID19 esixe un incremento de recursos que os centros non poden asumir sós. Debe garantirse un inicio de curso en condicións de seguridade"”, afirma a concelleira Silvia Caméan.

Tal e como denunciaron todas as centrais sindicais, facerlle fronte á pandemia require máis profesorado, menor número de alumnado por aula, e directrices para afrontar os posibles rebrotes, cuestións que o goberno de Feijóo non ten en conta. “O protocolo contempla pequenas adaptacións e lle deixa toda a responsabilidade aos centros no caso dun rebrote. Todo a custe cero”, asegura Cameán.

Estas reclamacións deben terse en conta en todos os niveis educativos, desde o ensino de 0-3 anos ata o bacharelato. Ademais, o goberno galego debe garantir que todo o persoal dos centros conte cos equipos de protección axeitados. En palabras de Silvia Cameán, “para iso urxe que o goberno planifique as necesidades materiais e organizativas deste novo curso en colaboración coa comunidade educativa, para responder á esta situación inédita”.

Actuacións desde o Concello

Tamén lle solicitamos ao goberno local que se reúna coas direccións das Escolas Infantís Municipais, escoite as súas necesidades e planifique con elas a reapertura dos centros no vindeiro curso, nas axeitadas condicións de seguridade que esixe a pandemia de coronavirus.

Outra cuestión preocupante son os atrasos nos pagos ás empresas concesionarias, que poden ter importantes repercusións nas escolas infantís e nas súas traballadoras. É necesario que o goberno local axilice o máximo posible estas facturas pendentes.

Co fin de abordar estas cuestións, vimos de presentar unha batería de preguntas co fin de coñecer as actuacións que ten previstas realizar o goberno local para garantir unha reapertura en condicións de seguridade para todas.

Por último, instamos ao goberno municipal a aprobar un plan ante posibles rebrotes que asegure a conciliación ás familias usuarias das EIM no caso de ter que pechar algún dos centros.

Comentarios
A Marea Atlántica esixe á Xunta de Galicia que poña os medios necesarios para que a volta ás aulas sexa segura