Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica lamenta que o goberno local insista en branquear o desastre urbanístico de Someso e renuncie a depurar responsabilidades

A pesar do contundente informe do Consello Consultivo, que pide a anulación dos acordos, o executivo do PSOE segue co empeño de enterrar o caso

A Marea Atlántica lamenta que o goberno local insista en branquear o desastre urbanístico de Someso e renuncie a depurar responsabilidades

A factura do urbanismo vazquista, con casos como as expropiacións irregulares de Elviña, supera os 40 millóns

A Coruña, 31 de agosto de 2021.- A Marea Atlántica lamenta que o PSOE teime en tapar o desastre urbanístico de Someso en lugar de anular os acordos que levaron a cometer varias ilegalidades. A pesar de que o Consello Consultivo emitiu un informe contundente no que sinala estas irregularidades e considera que os argumentos esgrimidos polo goberno local o ano pasado “carentes de xustificación razoable”. O Consultivo pide que se consideren nulos de pleno dereito os actos que levaron a vender solo municipal a grandes inmobiliarias para a construción de vivenda libre. O Tribunal de Contas, cifra en 23 millóns de euros o custo das recualificacións ilegais en Someso.

Porén o goberno local insiste en non facer nada, do mesmo xeito que xa arquivou o ano pasado a revisión de oficio do expediente de Someso, solicitada polo edil do BNG Xosé Manuel Carril en 2013 e impulsada pola Marea Atlántica en 2015 coa incoación do expediente de revisión. Enterrar este expediente supón renunciar a depurar responsabilidades.

A nosa voceira, María García, lembra que “sumando este caso a outros, coma as expropiacións irregulares en Elviña, a factura do vazquismo para o Concello da Coruña, para toda a cidade, supera os 40 millóns de euros. E menos mal que desde o goberno da Marea Atlántica puidemos reducir a factura do edificio Conde de Fenosa, que ameazaba con levar á bancarrota as arcas municipais”.

Someso, un desastre que comeza en 1998

A orixe do chamado caso Someso está no ano 1989, cando o Concello da Coruña expropia varias parcelas no barrio, en teoría para facer unha estrada e un campo de fútbol. Pero en 1998, o concelleiro de Urbanismo do goberno de Vázquez, Salvador Fernández Moreda, muda o PXOM e recualifica os terreos para facer vivenda, aumentando a edificabilidade nun 66%. A situación empeora en 2004, con Javier Losada na área de Urbanismo. O goberno acorda vender todo o aproveitamento municipal en Someso, a dedo e sen concurso público. E o solo remata en mans das empresas inmobiliarias que formaban parte da xunta de compensación do polígono. Unha ilegalidade clamorosa, que converteu patrimonio público en beneficios para promotores privados.

O resultado destas políticas está á vista de todo o mundo. Someso segue a ser un barrio aínda por rematar, sen servizos, con falta de espazo público e gran cantidade de vivendas baleiras. Todo arredor dun centro comercial en franco declive. E en lugar de preocuparse por rematar o desenvolvemento, vemos ao goberno local impulsando promocións na fachada marítima, como as da Maestranza e Percebeiras, cun modelo de crecemento da cidade que nin é sostible nin resolve os problemas de acceso á vivenda.

A Marea Atlántica lamenta que o goberno local insista en branquear o desastre urbanístico de Someso e renuncie a depurar responsabilidades