Actualidade Coruña

A Marea Atlántica pídelle ao goberno municipal que estude a fondo o presunto sobrecusto de Riazor antes de asumir o pago

Na Comisión de Facenda celebrada o venres, Iago Martínez requeriulle ao goberno que actúe con “prudencia” antes de cargar nas arcas municipais o pago de case un millón de euros adicional

A Marea Atlántica pídelle ao goberno municipal que estude a fondo o presunto sobrecusto de Riazor antes de asumir o pago
Riazror
Riazor

O grupo municipal da Marea Atlántica solicítalle ao goberno do PSOE que analice a fondo o presunto sobrecusto de 943.000 euros correspondentes á obra do Estadio de Riazor e determine claramente se é o Concello o que debe facerse cargo antes de levalo ao vindeiro Pleno dentro dun modificativo de crédito. O concelleiro Iago Martínez reiterou esta postura na Comisión de Facenda celebrada esta mañá, na que se abstivo á espera dos pasos que poida dar o executivo nos vindeiros días.

O vicevoceiro municipal da Marea Atlántica lembrou que “non se debe asumir un sobrecusto do 12% sobre o total da obra de Riazor sen aclarar antes as responsabilidades, e o goberno non está a xustificar debidamente por que é o Concello e non a empresa adxudicataria do proxecto e a obra quen debe facerse cargo deste incremento”.

Iago Martínez engadiu que “ante as advertencias do grupo municipal da Marea Atlántica, o goberno municipal anunciou nos medios de comunicación a semana pasada que abriría unha investigación sobre a factura dese sobrecusto. A prudencia aconsellaría investigar primeiro e tramitar despois, xusto ao revés do que se está a facer. E, dende logo, tamén sería bo facilitarlle á comisión os resultados desa investigación antes de pedirlle que ditamine un asunto”.

O resto dos asuntos que estaban incluídos no modificativo, como son o recoñecemento extraxudicial e o pago de facturas pendentes de anos anteriores, non presentan dúbidas. Entran dentro das prácticas normais nunha administración local.

“En todo caso, o goberno ten que lembrar que a suma de maiorías plenarias depende do diálogo previo coas forzas que teñen os votos necesarios. E nin esta Comisión de Facenda nin a Xunta de Goberno Local na que anteriormente se aprobou o modificativo tiveron ese diálogo. Non é o mellor xeito de comezar o mandato, pero hai tempo abondo para mellorar e coidar o marco de cooperación”, engadiu Iago Martínez.

Falta de documentación e atraso na dotación dos grupos

Doutra banda, o vicevoceiro da Marea Atlántica pediulle ao concelleiro de Facenda, o socialista Lage Tuñas, que facilite aos grupos municipais toda a documentación dos asuntos a ditaminar no intre de convocar a comisión, para que os grupos poidan facer o seu traballo, cousa que non aconteceu desta vez. “Son erros até certo punto comprensibles nun goberno que comeza, dentro dos cen días de graza, pero deben corrixirse”.

Tamén é necesario lembrar que, case tres semanas despois do Pleno de Organización, o grupo municipal da Marea Atlántica carece aínda de medios materiais suficientes para desenvolver o seu traballo, e segue á espera do nomeamento do seu persoal de apoio, tanto eventual como administrativo.

A Marea Atlántica pídelle ao goberno municipal que estude a fondo o presunto sobrecusto de Riazor antes de asumir o pago