Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntará ao goberno municipal como está a axudar á veciñanza na solicitude do Ingreso Mínimo Vital

Desde a proximidade, os Concellos teñen que dar un paso adiante e implicarse para que máis persoas teñan acceso ao mínimo para unha vida digna

A Marea Atlántica preguntará ao goberno municipal como está a axudar á veciñanza na solicitude do Ingreso Mínimo Vital
ma IMV
Pleno extraordinario de 30 de julio. Imaxe de Marea Atlántica
25 de agosto de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha batería de preguntas de resposta escrita para o vindeiro Pleno, interesándose polos recursos que o Concello da Coruña destina para axudar á veciñanza na tramitación do Ingreso Mínimo Vital na cidade.

Deste xeito, solicitamos coñecer como se está a apoiar a tramitación do IMV deste os Servizos Sociais municipais, cantas persoas solicitaron a prestación a través destes Servizos Socias e de que maneira se reforzou o departamento para atender esta demanda.

Finalmente, preguntaremos se o goberno municipal habilitou algún espazo para axudar na solicitude a aquelas persoas que carecen de ordenador ou de acceso ao mesmo.

Estes servizos xa se están a prestar en concellos como Sada ou Pontevedra, e formaban parte da moción que a Marea Atlántica levou ao Pleno do 2 de xullo, solicitando a creación dunha oficina municipal para informar á veciñanza e axudala na tramitación do IMV. Porén, esta proposta foi rexeitada mediante unha emenda asinada por PP e PSOE.

A solicitude do Ingreso Mínimo Vital é complexa, e o Estado está a ter recoñecidos problemas para tramitala en tempo breve. Nestes momentos de crise económica, social e sanitaria, os Concellos teñen que actuar e, como administración máis próxima, poñer os seus recursos ao servizo da cidadanía. A Coruña, como fixo no mandato anterior, debería dar exemplo e axudar a que máis persoas teñan o mínimo para unha vida digna.

A Marea Atlántica preguntará ao goberno municipal como está a axudar á veciñanza na solicitude do Ingreso Mínimo Vital