Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntaralle a Inés Rey no Pleno polo modelo de separación do lixo

O anteproxecto que o goberno local impulsa para a planta de Nostián amosa os seus plans de instalar un quinto contedor nas rúas da Coruña destinado a envases, e deixar atrás o sistema húmido-seco, consolidado e tres veces máis eficiente na reciclaxe
A Marea Atlántica preguntaralle a Inés Rey no Pleno polo modelo de separación do lixo
María García
María García

María García: “É unha mala decisión, porque suporía pagar máis para reciclar menos. Cos datos na man, A Coruña recupera tres veces máis envases que a media galega” 

A Coruña, 25 de xaneiro de 2023.- O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle ao goberno local no vindeiro Pleno do Concello da Coruña se Inés Rey vai renunciar definitivamente ao modelo de separación húmido-seco na recollida de lixo (tamén chamado orgánico-inorgánico) que leva 20 anos funcionando na cidade e na maioría dos municipios da área metropolitana, que está consolidado e cunha eficiencia contrastada na recuperación de materiais maior que a doutros modelos. 

Segundo María García, voceira municipal da Marea Atlántica, “logo de case catro anos sen avances nas políticas de xestión de residuos, agora por fin se coñecen os plans de Inés Rey, que son instalar un quinto contedor para envases lixeiros, que non só ocupará espazo nas rúas e nas nosas cociñas, tamén é un modelo moito menos eficiente para a recuperacion e o reciclaxe de envases lixeiros”. Así figura no anteproxecto que o goberno local aprobou para renovar o contrato da planta de Nostián, caducado e en prórroga forzosa desde finais de 2019, e fronte ao que a Marea Atlántica xa presentou alegacións. 

Ademais dos custos que suporía o cambio do sistema de contedores (obras na rúa, novos contratos, etc), o cambio suporía un retroceso na reciclaxe. Tal e como lembra María García, “cos datos na man, A Coruña recupera tres veces máis envases que a media galega. E a nivel estatal, o propio Ministerio de Transición Ecolóxica sinala que o modelo húmido-seco é catro veces máis eficiente có modelo do contedor amarelo para envases. Non ten sentido pagar máis para reciclar menos”. 

Finalmente, María García lembra que a normativa da Unión Europea non obriga a instalar un contedor amarelo para envases, senón que obriga a ter un verde para a materia orgánica, cousa que na Coruña xa existe desde hai vinte anos. “A lexislación máis recente, tanto a lei 7/2022 de residuos e solos contaminados, coma o Real Decreto 1055/2022 de envases e residuos de envases deixan espazo para manter o sistema de separación do lixo dos concellos que usan a planta de Nostián, por iso reclamámoslle a Inés Rey que atenda as nosas alegacións e corrixa o erro que está a piques de cometer”. 

A Marea Atlántica preguntaralle a Inés Rey no Pleno polo modelo de separación do lixo