Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica presentará alegacións para protexer a Maestranza dun pelotazo urbanístico

O grupo municipal da Marea Atlántica reclama que se protexan as parcelas do Campo da Estrada en lugar de construír nela bloques de vivenda en altura que afectan aos restos da muralla e a unidade ambiental da cidade vella

A Marea Atlántica presentará alegacións para protexer a Maestranza dun pelotazo urbanístico

Apoiaremos tamén as alegacións presentadas pola Comisión en Defensa do Común, que tamén procura coidar un dos últimos espazos libres da Cidade Vella

A Coruña, 4 de Agosto de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica presentará alegacións ao Estudo de Detalle da Maestranza, aprobado o 16 de xuño pola Xunta de Goberno Local, e que autoriza a construción de bloques de vivendas de ata 6 plantas de altura. “Contra este pelotazo, xurdido dos plans do goberno de Francisco Vázquez, apostamos por protexer os terreos do Campo da Estrada pola súa singularidade patrimonial, a presenza de restos arqueolóxicos BIC e a proximidade ao mar”, sinala a nosa voceira, María García.

Así, o estudo de detalle aprobado inicialmente non fai mención ningunha aos restos dos sistema defensivo da Coruña, nin inclúe plano ningún de referencia, pese a que os inmobles previstos se edificarían sobre parte do xacemento arqueolóxico. O sistema defensivo da Coruña, declarado Ben de Interese Cultural, está profusamente documentado en varios estudos, como o Informe Municipal de Potencialidade Arqueolóxica da Maestranza de 2015.

Ademais, a construción destes inmobles, que superarán en altura aos que xa existen na zona, faría de pantalla e afogaría o derradeiro espazo libre da Cidade Vella na súa cara norte. Por iso defendemos que o Campo da Estrada quede como espazo libre, polas súas características patrimoniais, e porque forma unha unidade cos xardíns da Maestranza. Edificar nel alteraría a fisionomía da Cidade Vella e o bordo litoral coruñés. Recordamos que a cidade vella da Coruña foi declarada conxunto histórico artístico no ano 1984.

A situación da Maestranza, ao igual que outros asuntos urbanísticos, formarán parte da rolda de negociacións que a Marea Atlántica vén de abrir co PSOE e na que, como xa dixemos, queremos falar da Coruña no seu conxunto e non só dos Orzamentos 2021. Percebeiras, a Ría do Burgo, o parque do Observatorio, o catálogo de elementos protexidos, e por suposto o porto, entre outras cuestións, formarán parte das conversas.

Desde a Marea Atlántica apoiaremos tamén as alegacións que presentará a Comisión en Defensa do Común, igualmente destinadas a protexer o Campo da Estrada. Así llo trasladamos nunha xuntanza que mantivemos onte coa entidade en María Pita.

Cómpre lembrar que a venda dos terreos da Maestranza foi posible grazas aos cambios urbanísticos que introduciu Francisco Vázquez en 1984, á súa chegada ao goberno municipal, e a un convenio asinado daquela con Ministerio de Defensa. Este organismo, seguindo coa tradición que o Estado aplica unha e outra vez na Coruña, vendeu o solo ao mellor postor, comportándose coma unha inmobiliaria, facendo posible o pelotazo que agora se está a deseñar. Resulta difícil de entender que un organismo público busque facer caixa a toda costa, antes que beneficiar á cidade e á súa veciñanza.

A Marea Atlántica presentará alegacións para protexer a Maestranza dun pelotazo urbanístico