Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica propón cambios urbanísticos para limitar a apertura de casas de apostas

"Propoñemos no Pleno un cambio na normativa urbanística que regule os espazos nos que poden instalarse os locais de xogo, afastándoas da poboación máis sensible"

A Marea Atlántica propón cambios urbanísticos para limitar a apertura de casas de apostas

No Estado hai 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% son menores de 26 anos. Mentres, as grandes empresas do xogo amasan beneficios millonarios

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno deste xoves unha moción na que propón un cambio na normativa urbanística para restrinxir a apertura de casas de apostas na Coruña, prohibindo que se instalen preto de centros educativos, culturais, deportivos e sanitarios, e espazos frecuentados pola mocidade. Esta modificación debería iniciarse canto antes, pois en canto comece a tramitarse entraría en vigor unha moratoria que impediría a apertura de novas casas de apostas durante un ano, mentres se realizan os axustes normativos. Na Coruña existen xa máis de 30 establecementos deste tipo, moitos situados preto de lugares sensibles.

O xogo é un negocio que fomenta as adiccións. Cébase sobre todo nos barrios con menor renda, espallando desigualdades. A súa incidencia creceu durante a pandemia. A pesar do enorme investimento que o sector do xogo fai en publicidade para branquearse, os datos amosan unha situación grave, á que as institucións non poden permanecer alleas. 

19 anos, a media de idade para iniciarse nas apostas deportivas

Segundo os datos ofrecidos pola Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), o xogo e as apostas deportivas, tanto presenciais coma on-line, experimentaron un “preocupante incremento” durante a pandemia, ao tempo chegan a xente cada vez máis nova. En 2020, a media de idade á que se iniciaban era de 19 anos, e a maioría das solicitudes de axuda que recibiu a entidade chegaron de persoas menores de 25 anos enganchadas ás apostas deportivas.

Ademais, o último informe do Plan Nacional Sobre Drogas, con datos de 2019 e 2020, amosa que existen no Estado 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% son menores de 26 anos. A porcentaxe de menores de idade con problemas de adicción ao xogo triplica o da poboación xeral, segundo datos do Programa Ludens, desenvolvido pola Universidade de Valencia. E entre os menores que xogan, un de cada dez remata por desenvolver ludopatía. A principal vía de acceso son as casas de apostas e os terminais en bares e cafeterías, que permiten conectarse sen verificación de idade.

A nivel galego, a falta de datos é case total e moi preocupante. A Xunta parece máis interesada en contentar ás empresas do sector que en controlar as consecuencias da couza do xogo. Feijóo prometeu unha Lei do Xogo centrada na prevención de condutas adictivas, e un Observatorio Galego do Xogo, pero non fixo nada. Por iso propoñemos un actuación desde o Concello, para plantarlle cara a unha doenza que se agrava. 

Unha proposta rexeitada en 2020, agora máis urxente

Xa en novembro de 2020, cando se duplicou a taxa de apertura para as casas de apostas, avisamos de que esta medida fiscal sería insuficiente e propuxemos ir máis alá e modificar a normativa urbanística. Lamentablemente, a nosa proposta non chegou nin a debaterse. 

Catorce meses despois, nun clima político máis favorable ao diálogo e no que os datos fan evidente que hai que tomar medidas contra o impacto dos locais de xogo, procuraremos o apoio da maioría do pleno para restrinxir a súa implantación na cidade e afastalos dos espazos e as persoas máis vulnerables.

A Marea Atlántica propón cambios urbanísticos para limitar a apertura de casas de apostas