Eleccións municipais | Marea Atlántica

A Marea proponlle ao PSOE “unha senda de cooperación”

A formación municipalista solicita ao Partido Socialista garantías organizativas e políticas para unha maioría de progreso no Concello

A Marea proponlle ao PSOE “unha senda de cooperación”
Foto Mareatlantica.org
Foto Mareatlantica.org

A Coruña, 25 de xuño de 2019.

A Marea Atlántica proponlle ao PSOE da Coruña marcar, de forma conxunta, unha senda de cooperación, con garantías e obxectivos concretos de execución inmediata, que sirva para establecer a necesaria confianza para desenvolver políticas que consoliden A Coruña como un referente na defensa das maiorías sociais. Desta forma, a cidade poderá continuar a transformación iniciada no mandato de Xulio Ferreiro no ámbito dos coidados e a xustiza social, a participación, a sostibilidade, a rexeneración urbana e a loita contra a violencia machista.

A formación municipalista quere amosar tanto ao Partido Socialista da Coruña como á cidadanía en xeral a súa firme vontade de colaboración. Se ben o PSOE decidiu pechar a porta a un cogoberno que incluíse á Marea --que conta con 6 concelleiros e concelleiras decisivas no Pleno municipal para poder sacar adiante políticas de progreso--, a nosa intención é a de favorecer dende a oposición que a cidade poida desenvolver accións que favorezan un crecemento xusto, sostible e redistributivo, onde todas as persoas e todos os barrios conten.

Con ese obxectivo, a Marea Atlántica trasladou esta tarde ao PSOE coruñés un documento que trata de sentar as bases do clima de confianza que é necesario establecer entre as dúas formacións que garanten a maioría progresista no Pleno. A pesar do noso xesto, que nace da responsabilidade e a honestidade, a Marea recórdalle aos e ás socialistas que é preciso que a confianza se cultive por ambas partes. A realidade é que non podemos pasar por alto indicios preocupantes como a falta de iniciativa amosada polo PSOE da Coruña nas reunións da Comisión Negociadora ou o acordo ao que o partido chegou co PP en Compostela para pactar a organización do Concello.

Estabelecer un camiño de entendemento precisa de garantías. En primeiro lugar de transparencia e de confianza, pero tamén de acordos organizativos e políticos. No plano organizativo é necesario garantir a pluralidade e a transparencia dos órganos colexiados do Concello, así como facilitar a participación da Marea Atlántica, como socio preferente á hora de desenvolver políticas innovadoras, nos mesmos.

En canto ao plano político, é preciso sentar unha serie de acordos concretos de execución inmediata en áreas que nos permitan avanzar nos beneficios das maiorías sociais. Acordos que deriven no aumento do gasto social, o fomento da mobilidade sostible, a loita contra o cambio climático, o avance na participación cidadá e as políticas de fomento da igualdade, a rexeneración urbana, a constitución da Área Metropolitana da Coruña e a garantía da xestión e titularidade pública dos terreos do bordo litoral.

Agardamos que o Partido Socialista da Coruña acolla estas bases como unha mostra da vontade da Marea Atlántica de traballar poñendo sempre por diante os intereses da cidadanía, algo que non ocorreu no Pleno municipal os últimos catro anos.

A Marea proponlle ao PSOE “unha senda de cooperación”