Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “O PSOE incumpriu tres de cada catro puntos do acordo coa Marea Atlántica para os primeiros meses do mandato”

O incumprimento é o signo do primeiro ano de mandato socialista en María Pita. As promesas de reactivar as grandes infraestruturas quedaron en nada: nin intermodal, nin humanización da Vedra, nin tren ao Porto Exterior...

María García: “O PSOE incumpriu tres de cada catro puntos do acordo coa Marea Atlántica para os primeiros meses do mandato”
María García
María García
A Coruña, 15 de xuño de 2016.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para valorar o primeiro ano de mandato de Inés Rey en María Pita, cunha conclusión clara: “Foi un ano de incumprimentos”. “O PSOE incumpriu tres de cada catro puntos do acordo que asinou coa Marea Atlántica para os primeiros meses do mandato”, sinalou García, quen tamén denunciou o lento avance na execución dos Orzamentos 2020.

E insistiu na urxencia de poñer en marcha as axudas fronte á crise do COVID, que aínda non están en marcha pese a contar desde o 4 de xuño cun modificativo aprobado e levar semanas anunciándose. “Rematou o estado de alarma en Galicia e o goberno de Inés Rey aínda non activou o paquete de medidas pola pandemia. Hoxe xa é posible solicitar o Ingreso Mínimo Vital do Estado, pero nin unha soa axuda nova do Concello da Coruña”, resumiu.

Todo isto, a pesar de que o executivo local contou en todo momento cos votos da Marea Atlántica para garantir a gobernabilidade. Posibilitamos a investidura, a aprobación das ordenanzas fiscais, a dos orzamentos e o impulso de medidas fronte á crise do COVID19. “Fixémolo como unha oposición esixente, defendendo conquistas sociais, impulsando outras novas dende un traballo propositivo e aberto aos acordos, sempre antepoñendo os intereses da cidade, lonxe das estratexias de bloqueo que tantas veces remataron prexudicando á cidadanía”.

A Marea Atlántica e o PSOE asinaron un acordo en xullo de 2019, con medidas que debían poñerse en marcha en seis meses, e que foron logo reaxustadas nunha comisión de seguimento ( en setembro e decembro). En total, son 31 acordos, dos que só oito (25,8%) están cumpridos plenamente, salientando a gratuidade das escolas infantís municipais e o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle. No lado negativo, hai 18 (58,1%) que seguen igual que o primeiro día, e cinco (16,12%) que foron directamente vulnerados. Tres de cada catro puntos do acordo non se cumpriron.

“Ningún avance na revisión dos convenios do porto. Ningún avance nas tarifas reducidas do bus para a xente moza e os nosos maiores. Ningún avance na creación da bolsa de vivenda en aluguer. Ningún avance na creación do operador enerxético municipal Coruña Enerxía. Pasos atrás nos orzamentos participativos. E en canto á desafectación de San Vicenzo de Elviña, directamente, non hai vontade de cumprir. Nin sequera se convocou a mesa de diálogo coa veciñanza que solicitamos para desatascar a situación”, sinalou María García.

Incumprimentos do acordo orzamentario

No caso do acordo asinado en decembro para a aprobación dos Orzamentos 2020, o balance de cumprimento é aínda peor. Das 123 medidas introducidas pola Marea Atlántica, só se cumpriron catro (derrubo do viaduto da Rolda de Nelle, gratuidade das escolas infantís e reurbanizacións da praza das Conchiñas e da rúa Puga e Parga). O resto, un 97%, están paralizadas (58) ou incumpridas (45).

“É certo que este acordo tivo menos tempo para desenvolverse, pero a tendencia é preocupante, porque non só se incumpre coa Marea Atlántica. A execución global dos orzamentos é, a 28 de maio, dun 23,05% e en investimento só dun 3,22%. O peche do pasado exercicio tampouco foi alentador. A execución global foi do 78,5%, cinco puntos menos que a rexistrada pola Marea Atlántica en 2015”, explicou a nosa portavoz.

A liña directa coa Moncloa está avariada

Ademais, e pese ás promesas de Inés Rey durante a campaña electoral, a súa liña directa coa Moncloa semella estar avariada. “As grandes infraestruturas que dependen do Estado e da Xunta seguen paradas. Os retrasos na intermodal, a humanización de Alfonso Molina ou a apertura dos peiraos e condonación da débeda da Autoridade Portuaria evidencian que non era cousa de Xulio Ferreiro, e que o famoso teléfono vermello do partido socialista non funciona. Nunca chegou esa choiva de fondos que nos prometeron”.

Percíbese, ademais, “un regreso ao ladrillo como forma de goberno e solución de todos os males, reeditando as alianzas co sector inmobiliario que tanto lembran ao vazquismo”, sinalou María García. Cando máis necesaria é unha alianza progresista, máis cara á dereita se move o PSOE da Coruña.

Un goberno feble que vive da herdanza

María García sinalou que “estamos a ver un goberno feble”, no que hai áreas que levan un ano desaparecidas, como Emprego, Comercio ou Cultura, ou que teñen graves problemas de xestión, como Deportes e Benestar Social “Un goberno non se mantén só con dúas concellerías durante catro anos”, engadiu.

O que se está a ver é que os principais avances deste goberno, como a gratuidade das escolas infantís municipais e as outras xa mencionadas, son herdanza ou iniciativa da Marea Atlántica: “O PSOE sempre di que non lle mira o copyright ás políticas, e nós tampouco, o que nos interesa é que se poñan en marcha polo ben común. Apoiaremos sempre unha liña progresista, pero esixiremos que se cumpran os acordos. Non asinamos cheques en branco”.

Retroceso democrático

García denunciou tamén un retroceso democrático no funcionamento do Concello, que se traduce na perda de dereitos da cidadanía e dos grupos da oposición. Desapareceu o rendemento de contas mensual que era o Dillo Ti, e estanse a poñer problemas para o uso do Escano Cidadán no Pleno, do mesmo xeito que están a desaparecer proxectos dos Orzamentos Participativos.

“Do mesmo xeito, asistimos a unha suba da contratación menor e sen concorrencia pública, que medrou un 8,7% na segunda metade de 2019 e un 13,4% no primeiro trimestre deste ano”, denunciou.

Finalmente, a voceira da Marea Atlántica lembrou que os nosos votos seguen dispoñibles para traballar en beneficio das maiorías socias, para negociar acordos e cumprilos, “pero cada incumprimento reduce a nosa confianza do PSOE, e xa van moitos”. García engadiu que “o PSOE está incómodo con isto, e busca apoios na dereita, no PP e na concelleira que ata hai pouco era de Ciudadanos. É unha operación de risco”.

María García: “O PSOE incumpriu tres de cada catro puntos do acordo coa Marea Atlántica para os primeiros meses do mandato”