MAREA ATLÁNTICA | NOTA DE PRENSA

María García: “Solicitamos un Pleno Extraordinario para reclamar con voz unánime as contas pendentes do Ministerio de Fomento coa Coruña”

O grupo Municipal da Marea Atlántica critica que a visita do ministro Ábalos á cidade, en lugar de deixar compromisos, só servise para dar marcha atrás no proxecto da Intermodal

María García: “Solicitamos un Pleno Extraordinario para reclamar con voz unánime as contas pendentes do Ministerio de Fomento coa Coruña”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García

A Coruña, 27 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica reclamoulle hoxe ao goberno de Inés Rey a convocatoria dun Pleno Extraordinario para debater as moitas contas pendentes do Ministerio de Fomento coa cidade da Coruña e a súa área metropolitana e realizar unha reclamación conxunta de todas as forzas políticas da Corporación. “Precisamos mandar unha mensaxe unánime e reclamar avances en proxectos clave que dependen de Fomento, porque como escribía hai poucos días Xulio Ferreiro, "A Coruña merece todo o respecto”, asegurou a voceira municipal da Marea Atlántica, María García.

“O ministro José Luis Ábalos estivo o venres na cidade, e nin se reuniu coa alcaldesa nin trouxo ningún avance nin deu explicacións polos novos atrancos que ADIF pon na licitación da Intermodal, a pesar de que Inés Rey e Javier Losada anunciaran en xuño do ano pasado que xa estaba todo listo”, engadiu García. Unha das promesas de Inés Rey na campaña fóra “engraxar” as relacións co Estado e achegar solucións milagreiras, pero agora amósase incapaz de conseguir nada en solitario.

Do Ministerio de Fomento dependen proxectos tan importantes como a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, tal e como se vai facer en Valencia, para evitar que hipoteque o futuro da nosa fachada marítima. Falamos da conexión ferroviaria ao Porto Exterior, fundamental para o futuro económico da comarca e para liberar os peiraos interiores. Da mellora dos trens de proximidade a Lugo e Ferrol, propios da era do vapor.

Da humanización da avenida de Alfonso Molina, onde existe un proxecto consensuado pero que leva anos enterrado nos caixóns. E da pasarela de Pedralonga, necesaria para as seguridade viaria.

Por todos estes motivos, María García reiterou a necesidade de convocar un Pleno Extraordinario, para enviar á Moncloa unha reclamación conxunta do Concello da Coruña e para que Inés Rey poida trasladar a información que posúa sobre o estado de todos estes proxectos pendentes.

Comentarios
María García: “Solicitamos un Pleno Extraordinario para reclamar con voz unánime as contas pendentes do Ministerio de Fomento coa Coruña”