Medio ambiente

Piden a paralización das obras da gasolineira de Ledoño

O inicio das obras de construción dunha gasolineira cerca do río Valiñas pon en perigo a biodiversidade do río e da Ría do Burgo. Estas obras a escasos 6 metros do Río Valiñas, están as verter continuamente terra ao cauce do río que finalmente acabará na Ría do Burgo.

O Colectivo das Pedras Galladas, ADEGA, SGHN, GN Hábitat, o Centro Social Ledoñes, a Asociación de Veciños San Martiño de Sésamo e a Asociación Cultural e Veciñal de Orro piden a paralización das obras

Piden a paralización das obras da gasolineira de Ledoño
gasolinera Ledoño 2
Obras para gasolineira en Ledoño

As verteduras ilegais desta obra, están a provocar alteracións no ecosistema do río e poñen en risco a súa fauna e flora. As verteduras proveñen do burato creado para cimentar a gasolineira. Coas chuvias dos últimos días e as filtracións dos terreos próximos foise enchendo de auga, de xeito que se creou unha pequena lagoa artificial, que xa está a punto de rebordar.

Aínda que a priori a terra e a auga non son elementos contaminantes, a turbidez reduce a capacidade de fotosíntese das plantas acuáticas e o osíxeno disolto na auga. Isto pode causar a morte dos animais que viven no río entre outros prexuízos a longo prazo para o río.

O lugar no que se sitúan as obras, é unha braña facilmente anegable algo que coñece ben a veciñanza de Ledoño. A pesar disto, na autorización de auga de Galicia, publicada o 18 de outubro de 2019, considera esta parcela como non anegable nos vindeiros 500 anos. Á vista da situación actual das obras, os cálculos que realizou esta entidade autonómica non parecen corresponderse coa realidade. 

A pesar de que a obra ten autorizacións do Concello de Culleredo e Augas de Galicia, en ningún caso se permiten as verteduras ao rio. Augas de Galicia pon como condicións particulares para esta obra:

  • Evitar o toldamento das augas pola realización das actuacións. 
  • Evitar a corta ou destrución da vexetación arbustiva ou arbórea de ribeira.
  • De xeito especial, prohíbese verter no propio leito do río restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramenta que estiveran en contacto con eles, así como o cambio de aceite de maquinaria de construción.

A xuízo do Colectivo das Pedras Galladas, ADEGA, SGHN, GN Hábitat, o Centro Social Ledoñes, a Asociación de Veciños San Martiño de Sésamo e Asociación Cultural e Veciñal de Orrro, non se cumplen estas condicions e polo tanto debería ser revogada dita autorización.

Independentemente de que a gasolineira se sitúe nunha zona que poida inundarse ou non, para estas asociacións non ten moito sentido unha obra que está a 3km do parque loxístico, onde xa hai outra gasolineira. Consideran un risco o almacenamento de 100.000 litros de combustible tan cerca do leito do río, cando existe outras alternativas.

O río Valiñas é o principal afluente do río Mero, que desemboca na Ría do Burgo. A vertedura destas obras rematará por chegar á ría do Burgo, un lugar de produción marisqueira onde tamén vive un elevado número de aves. O proxecto de dragado desta ría está en proceso de licitación. Este proxecto que vai custar ao estado 48 millóns de euros, ten como obxectivo retirar os limos que chegaron á ría procedentes dos ríos.

A boa saúde de ríos e regatos do Concello de Culleredo é unha obriga para a corporación municipal e o órgano de conca hidrográfica e é fundamental para evitar que as causas que provocaron a acumulación de sedimentos finos na Ría volva a repetirse.

Por todos estes motivos o colectivo das Pedras Galladas lanzou fai uns días unha campaña en change.org para recabar apoios e solicitarlle ao alcalde de Culleredo a paralización destas obras. A día de hoxe xa asinaron máis de 200 persoas.

Piden a paralización das obras da gasolineira de Ledoño