BNG | nota de prensa

O pleno aproba a moción do BNG para que nos orzamentos 2022 non haxa partidas para mercar os peiraos de Batería e Calvo Sotelo

Luz verde tamén para as mocións a prol do cumprimento da Ordenanza do Galego e en solidariedade co persoal de urxencias do CHUAC
O pleno aproba a moción do BNG para que nos orzamentos 2022 non haxa partidas para mercar os peiraos de Batería e Calvo Sotelo
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

A Coruña, a 13 de xaneiro. O Pleno aprobou a moción do BNG para que o Goberno Local non inclúa partidas para mercar os peiraos de Batería e Calvo Sotelo nos orzamentos 2022, aínda non presentados.

A moción tivo os votos favorábeis de Marea Atlántica e da concelleira non adscrita e, en troca, colleitou a abstención dos grupos municipais de PP e PSOE.

Á iniciativa foron presentadas sendas emendas de substitución por parte do PP e PSOE. O BNG non as aceptou porque desnaturalizaban o sentido da moción ao suprimir o compromiso de non destinar partidas á adquisición de Batería e Calvo Sotelo.

De acordo co grupo municipal do Bloque, non ten sentido destinar fondos públicos a mercar terreos que xa son públicos, que foron gañados ao mar e que terían de ser restituídos ao patrimonio da cidade sen ningún custo.

A emenda de substitución do PSOE consistía en que a Corporación reiterase o acordo plenario de setembro de 2021 sobre o deseño da nova fachada marítima. “O problema é que no texto votado naquela altura non se incluía de forma explícita o compromiso por parte do Goberno Local de non destinar diñeiro do Concello á adquisición de Batería e Calvo Sotelo. Por tanto, volvelo votar hoxe non tería sentido. O Goberno Local pretendía botar man desta emenda para evitar comprometerse a non pagar con fondos do Concello por terreos que xa son públicos”, avalía Francisco Jorquera.

A adquisición de Batería e Calvo Sotelo por parte do Concello sería unha operación que se insire nunha lóxica que o BNG non comparte, a de amortizar desa forma a débeda contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña pola construción de Punta Langosteira. É tanto como asumir na práctica que, a diferenza do que si aconteceu con València, non se vai condonar a débeda que lastra o futuro do porto coruñés, considera o grupo municipal do BNG.

Na súa intervención, Jorquera explicou que A Coruña sofre unha discriminación non só no que atinxe á condonación da débeda do porto (que si se concedeu a València), senón tamén no que ten a ver coa cesión gratuíta de espazos portuarios (feita en Almería e Pasaia). Por que o que é posíbel en València, Almería e Pasaia non o é na Coruña?, preguntouse o voceiro nacionalista.

“Non lle compete ao Concello da Coruña asumir o pagamento, pola porta de atrás, da débeda xerada pola construción da dársena exterior, unha decisión adoptada por un Consello de Ministros”, dixo Jorquera. E efectivamente pagar con diñeiro do Concello a adquisición de Batería e Calvo Sotelo sería tanto como asumir o pagamento da débeda pola porta de atrás.

“O que si lle compete”, estendeuse, é “esixir igualdade de trato”. É niso no que o Concello da Coruña “ten que ter un papel de liderado e exercer toda a súa capacidade de negociación e de presión”.

En todo caso, e ao ter aprobado o Pleno esta moción, a Corporación insta o Goberno Local a que non inclúa partidas para a adquisición de Batería e Calvo Sotelo no proxecto de orzamentos. Estaremos atentas para que tal cousa finalmente non ocorra.

De resto, o Pleno aprobou tamén as mocións do BNG para o Goberno Local dar efectivo cumprimento á Ordenanza do Galego e para o Concello se solidarizar co persoal de urxencias do CHUAC en demanda de máis medios, nomeadamente humanos, para saír da situación de colapso en que se acha.

A moción sobre a Ordenanza do Galego saíu adiante cos votos de todos os grupos a excepción do PP, que optou pola abstención. A da sanidade pública, co respaldo de todos, agás de novo a bancada conservadora, que votou en contra.

Comentarios
O pleno aproba a moción do BNG para que nos orzamentos 2022 non haxa partidas para mercar os peiraos de Batería e Calvo Sotelo