BNG | nota de prensa

O pleno aproba a moción do BNG, cun texto acordado con PP e A Marea, para o goberno local renegociar co Estado sobre o antigo cárcere

A Corporación aprobou por unanimidade as mocións do BNG sobre a reapertura ao público do Xardín do Observatorio e sobre as necesidades e demandas dos barrios do Birloque, O Martinete e Someso

O pleno aproba a moción do BNG, cun texto acordado con PP e A Marea, para o goberno local renegociar co Estado sobre o antigo cárcere
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

A Coruña, a 12 de xaneiro de 2023..- O Pleno de xaneiro aprobou a moción do BNG, cun texto transaccionado polo grupo nacionalista con PP e a Marea Atlántica, coa que se insta o Goberno Local a que renegocie co Estado sobre o antigo cárcere, de modo a lograr a reversión gratuíta ao Concello deste inmóbel unha vez que sexa restaurado polo seu actual titular, a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEPSE), un organismo dependente do Ministerio de Interior.

A moción do BNG, defendida por Francisco Jorquera, foi votada en contra polo grupo socialista –a alcaldesa dixo hai uns días que xa negociara e que non tiña nada máis a negociar- e contou coa abstención da concelleira non adscrita Isabel Farado. Si tivo o apoio das edís Mónica Martínez e Susana Soneira, tamén non adscritas.

De resto, o Pleno aprobou por unanimidade as mocións do BNG sobre a reapertura ao público do Xardín do Observatorio e sobre as necesidades e demandas dos barrios do Birloque, O Martinete e Someso.

Canto á moción sobre o antigo cárcere, Jorquera expresou que o BNG non se sitúa na lóxica da alcaldesa, a de que o asunto xa está fechado. “Non aceptamos a lóxica de que o Concello teña que pagar para que o Estado nos ceda un morto e nin tan sequera se comprometa a axudar a resucitalo”, afirmou, en relación a un acordo en función do cal o cárcere volvería ao patrimonio municipal previo pagamento de 2,2 millóns de euros e sen ser debidamente restaurado por quen é responsábel do seu actual estado de abandono, a SIEPSE.

A maioría do Pleno, remarcou Jorquera, ve lesivo para A Coruña ese acordo, tal e como se viu ao rexeitalo na sesión plenaria do pasado 28 de decembro.

Así as cousas, só fica por diante unha solución, a de “seguir negociando” até alcanzar “un acordo non oneroso para as arcas municipais”. E nomeadamente após sabermos que Granada e Soria si conseguen a devolución gratuíta dos seus antigos cárceres. Por que esas cidades si e a nosa, non?, preguntouse.

Renegociar, teimou Jorquera, é o camiño para defender os intereses da cidade. “Hai que se facer valer”, acrecentou, ao tempo que puxo en valor a transacción asinada polo BNG cos grupos do PP e da Marea. O texto, alén de demandar a reversión gratuíta e a restauración do inmóbel por parte do Estado, propón que se abra tamén un debate, aberto á participación cidadá, sobre os usos futuros do antigo cárcere.

Reapertura do Xardín do Observatorio

Fechado ao público durante a pandemia, o Xardín do Observatorio non foi aínda aberto ao público a pesar de así o ter pedido xa o Pleno do Concello e a súa habilitación facer parte das previsións que o Goberno Local baralla na súa estratexia en relación a Axenda Urbana 2030.

É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira defendeu unha moción para o Goberno Local negociar co Ministerio para a Transición Enerxética a apertura do Xardín, tendo en conta tamén que o espazo disponíbel para o público agora sería maior desde o momento en que as medicións atmosféricas están dixitalizadas e xa non precisan como no pasado do concurso dun globo.

Veira introduciu unha emenda in voce durante o debate da moción para que se derruben os muros da Rúa Canceliña e a Rúa Páramo, de modo a o Xardín do Observatorio estar aberto durante os 365 días ao ano.

“Queremos saber que está a facer a alcaldesa para que se reabran uns xardíns que se fecharon durante o Estado de Alarma”, remarcou Veira.

Demandas do Birloque, O Martinete e Someso

Que A Coruña rural ou rururbana teña a mesma calidade de vida que a urbana é o propósito que animou Francisco Jorquera a defender unha moción neste Pleno de xaneiro, como produto do contacto directo entre a formación nacionalista e o movemento veciñal dos barrios do Birloque, O Martinete e Someso. “Os contidos desta moción son froito dunha recente visita do noso grupo municipal a eses núcleos, en resposta a un convite da Asociación Veciñal Os Anxos”, referiu o noso voceiro.

A iniciativa inclúe un potente catálogo de actuacións para mellorar a calidade de vista nestes barrios, desde obras que atendan o mal estado das beirarrúas –co pavimento deteriorado, problemas de accesibilidade, ausencia de marquesiñas en moitas paradas de bus- até actuacións para o calmado do tráfico en zonas con moito tránsito pesado, por exemplo na estrada DP3004, na Avenida de Glasgow e na DP0512 ao seu paso polo Martinete e O Birloque.

“A velocidade excesiva nas dúas estradas, a ausencia e insuficiencia de beirarrúas, badéns e pasos de peóns e unha sinalización deficitaria provocan inseguranza nas veciñas e veciños”, refire Jorquera, quen asume peticións veciñais como que se procuren solucións para permeabilizar o acceso á AC-14 e V14, a probibición de tránsitos de camións piola DP0512 e mesmo que se negocie coa Deputación Provincial a cesión ao Concello das estradas da súa titularidade por seren vías de características urbanas.

“O que propoñen os veciños son intervencións elementais, actuacións que mellorarían o seu benestar”, remarcou, ao tempo que avanzou a aceptación dunha emenda formulada por Marea Atlántica.

O pleno aproba a moción do BNG, cun texto acordado con PP e A Marea, para o goberno local renegociar co Estado sobre o antigo cárcere