Pleno Municipal

O Pleno dá a aprobación provisional á modificación puntual do PXOM sobre a Solana

A Cámara tamén deu luz verde á modificación inicial da ordenanza de xestión de residuos e limpeza viaria pola que o Concello poderá actuar, mediante un procedemento de concorrencia, sobre as pintadas vandálicas de toda a cidade que afecten a espazos particulares

O Pleno dá a aprobación provisional á modificación puntual do PXOM sobre a Solana
20190114_PLENO_2
Pleno municipal de Enero de 2019

A Coruña, 14 de xaneiro de 2019.- O Pleno municipal, na súa primeira sesión ordinaria do ano, aprobou de forma provisional a modificación puntual do PXOM no ámbito da Solana, cos votos a favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG e a abstención do PP. Segundo indicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, esta actuación, cuxos trámites se iniciaron xa o pasado ano, “vai encamiñada á blindaxe da titularidade pública dun terreo simbólico para a cidadanía da Coruña, a que foi a praia do Parrote, e que se evitou que fose poxado pola Autoridade Portuaria en 2017 grazas, en gran medida, á acción do goberno local e da propia cidadanía”. A pretensión deste cambio de ordenación é a de modificar de privada a pública a natureza do espazo libre comprendido na parcela na que, na actualidade, se localiza o parque deportivo ocupado polo complexo da Solana.

O ámbito afectado por esta modificación puntual está situado entre a avenida do Parrote e o Paseo Marítimo. Inicialmente, esta zona gañada ao mar pertencía ao dominio público marítimo terrestre. Tal e como recordou o responsable municipal, foi durante a aprobación definitiva do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2013 cando as determinacións contidas sobre estas parcelas foron modificadas, xa que en 2009 o Pleno municipal dera o visto e prace a que a parcela na que asenta o complexo deportivo da Solana estivese incluída no sistema xeral de espazos libres, con carácter público. “O intento de privatización da Solana é unha mostra máis do espolio do público por parte da dereita”, sinalou o edil, quen lembrou que a única persoa que votou en contra da poxa no consello da Autoridade Portuaria foi o propio Varela, como representante do Concello. O edil recordou tamén que o Concello tivo en conta a valoración que presentou a Autoridade Portuaria, como alegante, sobre a extinción dos dereitos afectados por esta modificación puntual e que ascende a 1.387.000 euros.

O concelleiro de Rexeneración Urbana quixo distinguir entre as situacións da Solana e do Hotel Finisterre, dos que dixo, “teñen situacións urbanísticas diversas que cómpre abordar en procedementos distintos”. Os terreos onde se asenta o complexo deportivo están afectados polo PXOM e “sempre tiveron unha natureza pública ata o cambio de 2013”, mentres que o edificio do Finisterre ten asignado polo Pepri un uso hoteleiro, “o que blinda o seu uso e impide a especulación para a construción de vivenda nese espazo”. “O interese xeral para conservar un espazo libre como público é indiscutible, pero a necesidade municipal de facerse cun hotel de luxo debe ser valorada con máis detemento”, indicou.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas no marco do proceso de información pública aberto tras a aprobación inicial e logo de que se declarase a innecesariedade do documento de avaliación ambiental estratéxica o expediente de modificación debe conseguir aínda a luz verde por parte tanto da Xunta de Galicia como do Estado, a través do organismo de Costas. Con este plácet, o documento deberá regresar ao Pleno municipal para a súa aprobación definitiva. O proceso, subliñou Varela, non comportará cambios a medio prazo para as persoas usuarias do complexo deportivo.

Pintadas vandálicas

Por outro lado, a Cámara aprobou tamén de forma inicial, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do PP, PSOE e BNG, a modificación da ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria do Concello, de forma que os servizos municipais poderán actuar sobre as pintadas vandálicas que teñan lugar en fachadas de toda a cidade, aínda a pesar de tratarse de inmobles privados. Para isto será necesario, de acordo coas recomendacións feitas pola Intervención Municipal, que o Concello poña en marcha un proceso de concorrencia pública, cunha serie de baremos de actuación, mediante o que as persoas propietarias soliciten a retirada das pintadas vandálicas. Esta concorrencia derivará no outorgamento aos e ás propietarias de subvencións en especie, ou o que é o mesmo: será a administración a que se encargue da retirada das pintadas na vez de, coma noutros procesos, achegar unha axuda monetaria. A modificación da ordenanza tamén contempla outro cambio que favorecerá, neste caso, que as persoas infractoras poidan permutar as sancións económicas que se lles impoñan polas pintadas por traballos en beneficio da comunidade. A concelleira de Medio Ambiente, María García, recordou durante a sesión plenaria que a modificación inicial da actual ordenanza é unha pata máis dentro do paquete de medidas postas en marcha polo executivo local para actuar, dende distintos ámbitos, contra as pintadas vandálicas. Concretamente, ademais da modificación da ordenanza de limpeza, o plan integral contra as pintadas vandálicas contempla a identificación das persoas infractoras mediante un traballo de análise grafolóxica, ademais da eliminación das pintadas en zona PEPRI previa solicitude e autorización das persoas propietarias e a mellora do espazo público degradado mediante actuacións artísticas, programa xa en marcha a través da iniciativa Ruarte.

E é que, de forma paralela ao desenvolvemento, o executivo comezará de xeito inminente coa posta en marcha do proceso que derivará na limpeza de pintadas vandálicas na zona de Cidade Vella e Pescaría que pertenzan a particulares. “A partir do vindeiro mércores 16 a veciñanza da zona PEPRI poderá solicitar a intervención do Concello nun prazo que estará aberto tres semanas”, avanzou. A edil explicou que, atendendo a que se trata dunha das zonas da cidade de maior valor patrimonial, cultural e histórico, ademais dunha zona de gran afluencia de veciñanza e de visitantes, a Concellería de Medio Ambiente realizará, a través do espazo na web municipal, unha convocatoria mediante a cal a veciñanza da zona PEPRI poderá solicitar a actuación subsidiaria da administración local para a limpeza deste tipo de pintadas. Así, no ámbito PEPRI, Cidade Vella e Pescaría, e apelando á necesaria defensa desta zona en base á Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o Concello poderá actuar sen esperar á aprobación definitiva da ordenanza, segundo aclarou García. O Concello non poderá actuar sobre ningunha pintada nun espazo privado se non conta conta autorización das persoas propietarias, polo que a concelleira solicitou a implicación de toda a cidadanía. Á espera da aprobación definitiva da ordenanza que permitirá actuar en toda a cidade mediante un proceso de concorrencia pública, a web municipal habilitará, a partir do día 16, un espazo no que as veciñas da zona PEPRI poidan solicitar a intervención municipal.

Como sinalou a responsable de Medio Ambiente, a modificación da ordenanza que permitirá ao Concello actuar en fachadas privadas, tanto de comercios como de particulares, derivará na posta en marcha dun proceso de libre concorrencia no que a persoa interesada solicitará ao Concello a retirada subsidiaria da pintada, que será analizada por unha comisión de valoración. Segundo explicou, o requisito para que a administración poida intervir é que as pintadas se atopen nas fachadas exteriores de edificios situados en vía pública e cando pola gravidade da situación concorra unha razón imperiosa de interese público de primeira orde, como é a conservación do patrimonio cultural e artístico.

Por outra banda e no que atinxe á permuta de sancións por traballos comunitarios, a modificación da ordenanza contempla que “en función das circunstancias de cada caso, a persoa infractora ou, non seu caso, a representante legal, e o órgano sancionador poidan convir, de mutuo acordo, a permuta das sancións económicas por traballos en beneficio da comunidade”. En todo caso, e por razóns pedagóxicas, cando a persoa infractora sexa menor de idade, a realización destes traballos non poderá exceder as catro fins de semana, sendo o período máximo de realización das medidas dun mes no caso de maiores de idade, segundo aclarou a concelleira. Tras a aprobación inicial da modificación da ordenanza ábrese un prazo de 30 días hábiles para a súa exposición pública.

O Pleno dá a aprobación provisional á modificación puntual do PXOM sobre a Solana