Marea Atlántica | nota de prensa

O Pleno do Concello da Coruña rexeita os abusos da banca nunha declaración institucional unánime

A proposta da Marea Atlántica, tamén se aprobou por unanimidade unha homenaxe a Unai Martínez, falecido en accidente laboral na refinería, reclamando máis seguridade no lugar de traballo

O Pleno do Concello da Coruña rexeita os abusos da banca nunha declaración institucional unánime
20220407_SGR_pleno_ordinario_Z7F7847
20220407_SGR_pleno_ordinario_Z7F7847

Unha vez máis, o voto de Marea Atlántica foi decisivo para a gobernabilidade do Concello, permitindo que saísen adiante asuntos como a mellora das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas

A Coruña, 7 de abril de 2022.- O Pleno do Concello da Coruña deu lectura hoxe a unha declaración institucional que tivo o apoio unánime de todos os grupos políticos, condenando os abusos da banca no exceso de comisións, o peche de oficinas, os despedimentos, o recorte de servizos e o desprezo ás persoas maiores, prácticas que levan a cabo mentres recollen beneficios históricos e reparten dividendos entre os seus accionistas. 

O documento recolle demandas do Grupo de Pensionistas de Cigarreiras e Tabaqueiros (presentes hoxe en María Pita), a Asociación Provincial Coruñesa de Xubilados e Pensionistas en Acción, as asociacións veciñais de Novo Mesoiro e O Castrillón, ou a comunidade dixital O Novo Normal. E foi traslado pola Marea Atlántica como declaración institucional, na procura do máximo consenso. 

O debate sobre esta materia trasladouse á quenda de mocións, onde outras forzas políticas presentaron iniciativas en termos similares. Alí, a voceira da Marea Atlántica lembrou que as seis entidades bancarias con maior volume de negocio no Estado pecharon 2021 con 20.000 millóns de euros en beneficios, e repartiron 7.000 millóns en dividendos entre os seus accionistas, “cifras que non se vían desde antes da crise inmobiliaria de 2008, e que se acadan sen ter devolto un peso dos cartos públicos que recibiron para evitar a súa quebra daquela". 

Estes “beneficios esaxerados e insultantes” reprodúcense noutros sectores, mentres o custo da vida é cada vez maior para a veciñanza. Así, as empresas enerxéticas do IBEX 35 multiplicaron por catro os seus resultados sumando 10.000 millóns de beneficios en 2021 cando hai fogares que non dan pagado a factura da luz e, no eido dos combustibles, Repsol pechou o ano con 2.500 millóns máis na caixa. “Os poderes públicos teñen que intervir, regulando mercado e prezos”, salientou García. 

Do mesmo xeito, e tamén por instancias da Marea Atlántica, o conxunto da Corporación Municipal rendeulle homenaxe a Unai Martínez, o traballador falecido en accidente laboral na refinería de Repsol. Reclamouse, do mesmo xeito, a investigación do caso e un reforzo das medidas de seguridade no centro de traballo. 

Fomento do uso da bicicleta 

Xa no debate das mocións, a nosa proposta para fomentar o uso da bicicleta con tres medidas sinxelas e de baixo custo recibiu o apoio unánime do Pleno. Tres medidas que consisten en crear unha rede de aparcamentos para bicis en baixos baleiros (dentro do programa Mover os Baixos), reforzar e ampliar os horarios de Bicicoruña, e instar á Xunta e á Renfe a permitir o transporte de bicicletas e buses interurbanos, tal e como reclaman os colectivos ciclistas. 

A nosa voceira, María García, lembrou que “estamos fartas de escoitar que temos que transformar a mobilidade para ter cidades máis habitables, sostibles, con menos ruído e contaminación, e menos impacto no cambio climático. Pero é hora de pasar da teoría á práctica.

Debate sobre o Sáhara

Finalmente, a nosa moción en defensa do dereito á autodeterminación do pobo saharauí e dun Sáhara Libre, fronte ao erro cometido polo presidente Pedro Sánchez de mudar a posición histórica do Estado español e darlle as costas a este territorio. A concelleira Claudia Delso sinalou que “non debemos estar ao lado de Marrocos, senón as resolucións da ONU. Non podemos permitir que España decida polo pobo sarahauí en lugar de escoitalo. E non podemos pechar os ollos ante a represión e as torturas que se denuncian desde El Aaiún, Dajla o Bojador. So con dicir os nomes de Aminetu Haidar ou Sultana Jaya sabemos do que estamos falando”.

Delso lembrou que “A Coruña acolleu a centos de nenos e nenas dentro do programa Vacacións en Paz, temos un vínculo político e afectivo, polo que non podemos permanecer caladas ante este erro histórico executado con opacidade e alevosía”, dándolle as costas a ao dereito internacional e os dereitos humanos. Un erro que se repetiu hoxe no Pleno, cando a nosa proposta foi rexeitada co voto en contra do PSOE e a abstención do PP, ao igual que dúas mocións similares do BNG e a concelleira non adscrita. 

A violencia vicaria é violencia machista

Finalmente, o noso grupo presentou unha moción para deixar claro que a violencia vicaria é violencia machista, perfectamente definida e perseguida por leis de todo rango. É un xeito de recuperar o consenso que rachou Alberto Núñez Feijóo cando puxo en dúbida esta equivalencia falando de “violencia intrafamiliar.  A iniciativa foi defendida pola concelleira Silvia Cameán, quen denunciou “o xiro reaccionario do PP, só para contentar aos seus novos socios da ultradereita. Quede claro que estamos en contra de calquera discurso que negue e invisibilice á metade da poboación”. 

A iniciativa resultou aprobada co apoio de todos os grupos políticos menos un, o PP, que non quixo condenar as palabras do seu xefe. Así que votaron en contra do que indican normas de todos os rangos xurídicos, incluída a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A deriva negacionista dos partidos da dereita é cada día máis preocupante. 

Os votos da Marea, decisivos nos asuntos de goberno

Neste Pleno Ordinario do mes de abril, todos os asuntos trasladados polo goberno resultaron aprobados grazas ao apoio da Marea Atlántica, cos únicos votos capaces de garantir a maioría necesaria para políticas destinadas ás maiorías sociais. 

Así foi o caso na modificación da ordenanza de rehabilitación de inmobles e vivendas, que incorpora algunhas melloras sinaladas polo noso grupo e que, especialmente, facilita obter axudas para instalar equipos de medición enerxética cara un aforro do consumo. Tivo o noso voto favorable por coincidir cos obxectivos da estratexia EIDUS coa que o goberno de Xulio Ferreiro obtivo 15 millóns de euros en axudas da UE para a cidade. 

Lamentamos, non obstante, que se siga a liña problemática iniciada no Presco e se lles esixa ás persoas que reciban unha subvención que fagan coloquen carteis para anuncialo. “Non entendemos esta obsesión pola publicidade”, como sinalou o noso vicevoceiro Iago Martínez. Na súa intervención, tamén lle deu a benvida ao novo concelleiro de Urbanismo, Fran Díaz Gallego, e instouno a retomar canto antes os compromisos acadados co seu antecesor. 

Ao Pleno foi tamén un asunto rutineiro como é a renovación e ampliación da delegación de facultades que lle permite á Deputación da Coruña o cobro das multas de tráfico. O acordo, que aumenta os ingresos municipais ao permitir que se fagan efectivas as sancións a quen non viven na cidade, foi aprobado grazas aos votos da Marea Atlántica, pois PP e BNG evitaron apoialo sen ofrecer ningún argumento. 

Como sinalou Iago Martínez, “facilitaremos a aprobación dun trámite ordinario coa esperanza de que se non perdemos o tempo en cuestións rutineiras este goberno poida, de verdade, ocuparse do importante”. 

A Corporación debateu, tamén, unha proposta trasladada pola comunidade educativa e os colectivos de memoria histórica para mudarlle o nome ao colexio Sanjurjo de Carricarte polo de colexio Torre de Hércules. María García parabenizou ao Consello Escolar pola iniciativa e explicou o noso voto a favor, pois “é preciso deixar de honrar alcaldes franquistas e que colaboraron coa ditadura e a represión, non só de Sanjurjo, senón de Alfonso Molina, Peñamaría de Llano e todos os nomes que sinala o informe do Instituto Cornide que segue a ser tristemente ignorado polo goberno local”. 

Por desgraza, a decisión última sobre este cambio de nome é da Xunta, e non somos optimistas. Non por nada, o PP foi o único de todos os grupos da Corporación que votou en contra desta solicitude.

Comentarios
O Pleno do Concello da Coruña rexeita os abusos da banca nunha declaración institucional unánime