BNG | nota de prensa

O pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG

As iniciativas sobre o apoio aos sectores culturais da cidade e a Bágoa de San Pedro obtiveron o apoio unánime da Corporación, en tanto que a referida ao 8M foi votada por PSOE e Marea mentres que o PP optou pola abstención
O pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG
Avia Veira
Avia Veira

A Coruña, a 10 de marzo de 2022. O Pleno de Marzo deu luz verde ás tres mocións defendidas polo grupo municipal do BNG: as que perseguían o apoio aos sectores culturais da cidade e a rehabilitación da chamada Bágoa de San Pedro obtiveron o apoio unánime, en tanto que a referida a medidas para garantir os dereitos das mulleres, arredor do #8M, foi votada afirmativamente polo PSOE e a Marea Atlántica mentres que o PP optou pola abstención.

“O Concello ten aprobado declaracións e mocións sobre políticas culturais, mais continúan sen se materializar”, dixo Avia Veira, quen interveu no Pleno para defender unha moción en que se contiñan propostas que lle foron achegadas ao grupo municipal nacionalista polo colectivo Unímonos ou Afundímonos.

Propostas como que se elabore un censo de traballadoras da Cultura ou os Espectáculos, que se aumente a programación cultural desde o Concello, que se promova un PRESCO para as creadoras e creadores, que a Xunta reforce o persoal da Filmoteca da Galiza (antigo CGAI) e que o Goberno do Estado aprobe o Estatuto do Artista.

“Son medias que permitirían ás nosas creadoras e creadores, ás persoas que se dedican á cultura na nosa cidade, vivir do seu traballo”, indicou unha Avia Veira que previamente resaltara que o sector cultural –garante do dereito das cidadáns a gozar das expresións artísticas, mais tamén fonte de riqueza e emprego- ten sido especialmente castigado pola pandemia.

Tamén asumiu Avia Veira a defensa das segundas das mocións do BNG nese Pleno, a relativa a propostas arredor do #8M. “Fica moito por facer e, entre outras cousas, ter a perspectiva de xénero presente en todas as políticas públicas”, dixo.

Defendeu Veira que a o Concello se dote “dunha diagnose e unha planificación das políticas públicas de Igualdade”. “Políticas dialogadas cos axentes sociais da nosa cidade e que vaian alén das efemérides do 8M e o 25N”.

Entre outras medidas, a iniciativa nacionalista puña sobre a mesa a necesidade de o Goberno Local cumprir de vez todas as disposicións da Ordenanza da Igualdade, ben como se emprazaba o Executivo coruñés a que convoque de vez o Consello Municipal de Igualdade (3 anos sen se reunir!). Tamén contiña un recado para a Xunta: que faga os deberes e aprobe o Plan de Igualdade para a Función Pública.

A Bágoa de San Pedro foi o argumento da derradeira das mocións do BNG, un conxunto de locais municipais, a maioría deles abandonados, ubicados no Campo de Leña, nun lugar en que se achaba a antiga capela de San Roque, un espazo que merece, por tanto, unha especial protección. 

Explicou Francisco Jorquera que se trata dun inmóbel especial polo seu deseño e por ser un exemplo de racionalismo arquitectónico, mais tamén “pola súa función de repartir o tráfico e de conexión e fluxo cos peóns que soben ou baixan do barrio de Monte Alto”.

O inmóbel, salientou, atópase nun estado de abandono absoluto, coas concesións dos locais municipais caducadas desde 2005, “e á espera de o Goberno Local tomar algunha decisión, o cal vai provocando unha deterioración cada vez maior”.

Non é de recibo, estendeuse, que o Concello poña en marcha axudas para rehabilitación e, porén, o Goberno Local “non se preocupe de rehabilitar nin os seus propios inmóbeis”, denunciou.

Na parte resolutiva desta iniciativa, o BNG propón dedicar no orzamento de 2022 unha partida para financiar o proxecto de rehabilitación da Bágoa de San Pedro. Esta tamén foi unha das propostas que o Bloque achegou ao Goberno Local para a súa incorporación aos orzamentos 2022.

Unha Bágoa rehabilitada ben podería funcionar como un motor dinamizador do barrio, resaltou Jorquera ao fechar a súa intervención.

O pleno de marzo aproba as tres mocións do BNG