Ampliación do CHUAC

O pleno municipal aproba o convenio coa Xunta de ampliación do CHUAC

José Manuel Lage destacou a capacidade de liderado e diálogo de Inés Rey para acadar un acordo que mellora a proposta inicial e que pon “os intereses dos cidadáns por riba de calquera interese partidista”
O pleno municipal aproba o convenio coa Xunta de ampliación do CHUAC
Pleno extraordinario
Pleno extraordinario, ampliación do CHUAC

A Coruña, 27/01/2021.- O Concello da Coruña aprobou esta mañá, nunha sesión plenaria extraordinaria, a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e Xunta no que se establecen as bases para poder levar a cabo a obra de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage Tuñas defendeu o convenio que permitirá a construción do novo CHUAC poñendo en valor o entendemento entre a alcaldesa, Inés Rey, e o  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e afirmou que "con este acordo o que se busca é garantir un investimento de 431 millóns de euros nun equipamento sanitario na cidade por parte da Xunta de Galicia durante esta década."

O acordo que negociaron a alcaldesa da Coruña e o presidente da Xunta contará cunha achega municipal dun máximo de 26,3 millóns de euros, e fixa datas de referencia para poder contar un novo hospital antes do 2027. "Seremos exixentes coa Xunta de Galicia para que cumpra os seus compromisos. "Cando o presidente da Xunta visite María Pita para asinar o convenio comezará a funcionar o reloxio coa conta atrás para que se materialice o novo CHUAC".

Lage Tuñas recordou que "o convenio non ten nada que ver coa proposta inicial da Xunta que os nosos técnicos consideraban rozando a ilegalidade porque só había obrigas para unha parte, o Concello, e agora no texto do convenio, despois dunha ardua negociación establécense compromisos polas dúas partes, e na parte da Xunta detállanse as súas obrigas e pónselle datas ás previsións de investimentos".

Tamén recordou que as deducións fiscais que se aplicarán á nova infraestrutura estarán vinculadas ao "mantemento do carácter 100% público tanto da titularidade do novo CHUAC como da súa xestión", unha exixencia do goberno local coruñés.

O voceiro do Goberno local recordou que "os agravios e as débedas históricas coa cidade existen, e no ámbito dos investimentos sanitarios, A Coruña foi deixada para o final pola Xunta de Galicia. A historia constrúese día a día e a responsabilidade que temos agora dende o Goberno Local é lle dar un pulo a esta ampliación, desbloqueando a situación e chegando a un acordo coa Xunta para que faga unha inversión de 430 millóns de euros nun novo CHUAC".

O convenio, dixo, foi froito "dunha árdua negociación" e pon sobre a mesa "dous piares sobre os que a nosa alcaldesa levantou este Goberno: o diálogo e a defensa dos intereses da cidade por riba de calquera interese partidista". Lage Tuñas reivindicou unha forma de facer política "sen meterlle o dedo no ollo a ninguén", buscando o entendemento e nesa liña apuntou que "o importante non o que nos separa, senón o que nos une, que debería ser ese mínimo denominador común que nos permita avanzar".

Lage Tuñas subliñou tamén a capacidade de liderado de Inés Rey e a súa xestión para levar a bo termo a negociación, así como o feito de ter posto "os intereses dos cidadáns por riba de calquera interese partidista". A Coruña, indicou, será a última das cidades galegas en renovar as súas principais infraestruturas sanitarias, e recordou que a cidade precisa dun novo hospital, un centro 100% público e con mellores instalacións para ofrecer un axeitado servizo sanitario.

A aprobación do convenio remarcou que é  "froito do acordo entre alcaldesa e o presidente da Xunta" e permitirá desbloquear un equipamento esencial para a cidade e longamente demandado, "facendo agora o que nos últimos anos ningún alcalde foi capaz de facer: conseguir esta inversión e chegar a un acordo co goberno galego, algo do que todas e todos deberíamos sentirnos orgullosos".

O voceiro do goberno explicou que "o investimento en sanidade sempre foi unha prioridade para os socialistas, hoxe o é aínda moito máis coa realidade que nos tocou vivir" ao tempo que recordou que "as deficiencias do noso sistema sanitario son consecuencia dos continuos recortes económicos nos servizos públicos dos últimos dez anos".

Lage Tuñas subliñou tamén o compromiso inquebrantable dos socialistas coa sanidade pública e destacou que o executivo de Inés Rey defende o novo CHUAC pola necesidade que hai de mellorar a infraestrutura hospitalaria na cidade, "xa dende fai anos".

Lage Tuñas chamou aos distintos grupos a sumarse ao acordo: "Non é o momento de enrocarse en debates estériles sobre as competencias senón de buscar solucións para a cidade. Sempre apoiaremos iniciativas que redunden nos intereses dos coruñeses, sexa unha competencia directa ou non, e sempre fomentaremos o diálogo e o entendemento, goberne quen goberne noutras Administración", indicou, ao tempo que lle pediu aos outros grupos políticos "altura de miras" para facer unha fronte común, por enriba das diferenzas, no apoio á construción do novo CHUAC.  Finalmente, a concelleira non adscrita votou en contra e tanto a Marea Atlántica coma o BNG, abstivéronse. O convenio aprobouse con 19 votos a favor, os do Goberno municipal e os do PP. "Creo que cometen un erro histórico ao se poñer de lado  e non apoiar a firma do convenio para o novo hospital", explicou o edil sobre a postura dos grupos que non referendaron a proposta.

O pleno municipal aproba o convenio coa Xunta de ampliación do CHUAC