normalización lingüística

O pleno municipal aproba a primeira Ordenanza do galego

O Pleno aprobou –con votos a favor de todas as forzas agás do PP- a normativa municipal para garantir a normalización e o impulso do idioma nos trámites administrativos e na comunicación

Lage recorda que “A Coruña é unha cidade aberta, progresista e liberal e mais é o berce da Real Academia Galega”

O pleno municipal aproba a primeira Ordenanza do galego
Lage Tuñas
Lage Tuñas

A Corporación aprobou hoxe no Pleno cos votos a favor de todas as forzas, agás do PP, a Ordenanza do galego coa que se lle dará cumprimento á Lei do uso do galego como lingua oficial das entidades locais. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, sinalou que se culmina así un proceso que puxo en marcha a alcaldesa, Inés Rey, e que chega 33 anos despois da aprobación da lei autonómica.

Ademais, destacou que o texto definitivo contén unha parte substancial de iniciativas e ferramentas que trasladaron os grupos políticos co fin de garantir o uso do galego nesta Administración. Lage recordou que tamén incorporaron a proposta de Marea Atlántica para a constitución dun Consello Local da Lingua que impulsará as melloras precisas no ámbito da normalización. Así mesmo, introdúcense tamén as propostas da Marea de estender a vixencia dos plans máis alá dos mandatos e de dotar con financiamento axeitado o servizo.

O voceiro indicou que xa na súa aprobación inicial o sentimento maioritario foi favorable "á normalización".

Recordou que as persoas con cargos públicos "temos a responsabilidade moral de coidar a nosa lingua, promovéndoa e favorecendo o seu uso". Asegurou que o fin non debe ser ningún outro que a promoción e normalización do uso da nosa lingua porque é patrimonio de todas e todos e non hai mellor forma de honrala e participar activamente na súa defensa que usándoa.

"Non somos máis galegas/os por falar máis en galego ou por falar menos, pero si que facemos moito máis por manter a nosa identidade se somos capaces de promover o uso do galego fuxindo de complexos, de estereotipos, de debates do pasado e de etiquetas". O edil lamentou o "erro histórico" que lle atribuíu ao PP ao non apoiar a ordenanza e agradeceulle ao BNG o traballo  realizado para sacala adiante e a Marea Atlántica o seu espírito construtivo. "Únenos a defensa da lingua propia de Galicia e a súa normalización. É importante poñer en valor o impulso que lle deu Inés Rey a esta norma". Neste aspecto, recordou que os gobernos anteriores o intentaron, pero "hoxe damos un paso máis alá para aprobar unha cuestión que tiña que estar resolta no século XX e que se vai resolver no século XXI. Imos cumprir con algo que é un deber, unha obriga e un compromiso". Tras un período de exposición pública en que se recibiron 51 alegacións -das que se aceptaron 20-, a nova ordenanza permitirá unificar os criterios para usar o galego, normalizalo e promocionalo. Ademais, contribuirá a rematar coas discrepancias lingüísticas no rueiro e fixará a lingua propia da Administración tanto para os trámites como para a comunicación. Desta forma, o Goberno local culmina o proceso de normalización de uso do galego posto en marcha por Inés Rey, proceso en que se enmarcan a recuperación da microtoponimia local para o rueiro, o emprego por defecto do galego na páxina web do Concello ou o seu uso como lingua oficial na Rede de Escolas Infantís Municipais.

Lage recordou que "esta é unha cidade aberta, progresista e liberal e mais é o berce da Real Academia Galega. Cadaquén que fale o que lle pete, temos dúas linguas e iso é unha riqueza".

O pleno municipal aproba a primeira Ordenanza do galego