PLENO MUNICIPAL

O Pleno pecha, por unanimidade, a recuperación do carácter público dos terreos da Solana, iniciada no mandato anterior

Unanimidade tamén para aprobar as dúas mocións da Marea Atlántica, en defensa do COF, o CIM e dunha cidade feminista; e dos postos de traballo en Emesa

O Pleno pecha, por unanimidade, a recuperación do carácter público dos terreos da Solana, iniciada no mandato anterior
20200116_pleno_ordinario__GR_3078
20200116_pleno_ordinario__GR_3078

A Coruña, 16 de xaneiro de 2020.- O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta mañá, por unanimidade, a modificación definitiva do PXOM para devolverlle o carácter público aos terreos da Solana. Deste xeito, desfaise a trampa que o PP introduciu en 2013, cambiando o solo de dotacional público a privado, e conclúe o traballo que a Marea Atlántica, recollendo o impulso da mobilización cidadá, iniciou no mandato anterior.

O concelleiro Xiao Varela lembrou que esta modificación urbanística forma parte do pacto á coruñesa que a Marea e o PSOE asinaron para o inicio do mandato e que “é motivo de orgullo e ledicia, un exemplo da capacidade de defensa do interese público que podemos ter neste Concello cando, verdadeiramente, recollemos a vontade da cidadanía”. E engadíu que “impedir que se especule cos terreos que albergaban a antiga praia do Parrote demostra como o goberno de Xulio Ferreiro, da man da veciñanza, conseguiu defender o patrimonio desta cidade fronte a cobiza. Non permitimos que especulen coa primeira liña de costa”.

Aínda que o PP tentou xustificar, de xeito hipócrita, o cambiazo na Solana como un suposto erro, Xiao Varela lembrou que en 2016, o presidente da Autoridade Portuaria tentou abrir unha poxa para vender os terreos, e que só el, como representante do Concello da Coruña, votou en contra. “Foi un proceso para facer caixa coa venda do público, ao que lle plantou cara unha manifestación de 4.000 persoas”, lembrou Varela.

O Pleno aprobou, igualmente por unanimidade, o nomeamento de Arsenio Iglesias, ex-xogador do Deportivo e adestrador do club nas súa mellor época, como Fillo Adoptivo da Cidade da Coruña, dedicándolle tamén unha rúa e dándolle o seu nome ás campos da Torre. Neste punto, Iago Martínez, afirmou que Arsenio ben merece este recoñecemento “por ser un heroe popular, por selo todo para o deportivismo de clase, e por ser un sabio que non malgasta unha palabra”. E engadiu que “as democracias se constrúen escollendo un pasado: que entre pois Arsenio como Fillo Adoptivo e saian os ex-ministros franquistas Manuel Fraga e López Rodó, como acordamos no pasado mes de maio".

En defensa do emprego e da igualdade

As dúas mocións que a Marea Atlántica levou a este Pleno foron aprobadas por unanimidade, nunha mostra de como desde a oposición poden presentarse iniciativas políticas que susciten consenso. A primeira delas centrouse en reclamar que os Centros de Planificación Familiar (COF) do Ventorrillo e Orillamar recuperen as prazas de Xinecoloxía eliminadas pola Xunta, en pedir o reforzo do Centro de Información á Muller cun servizo de atención urxente e, en xeral, consevar as políticas por unha cidade feminista iniciadas no anterior mandato.

A concelleira Silvia Cameán fiou os recortes nos COF, que atenden a 40 concellos e son os únicos centros públicos que asesoran na interrupción voluntaria do embarazo, co peche do paridoiro de Verín, e afirmou: “Feijóo ataca aos dereitos das mulleres. Nós defendémolos”.

Doutra banda, trasladamos ao Pleno unha moción asinada polo Comité de Empresa de Emesa, fábrica de elaborados metálicos que está ameazada de peche pola mala xestión dos seus actuais propietarios, a pesar de ter carga de traballo e recoñecido prestixio. Alberto Lema sinalou que a perda de 90 empregos en Emesa sería outra proba máis da crise de emprego industrial na comarca da Coruña, “onde Alcoa sobreviviu polos pelos, Isowat pechou e Isidro de la Cal loita contra un ERE, mentres a Xunta nin está nin se lle espera, a pesar das súas competencias en promoción industrial”.

Emendas construtivas

A maioría das mocións aprobadas no Pleno tiveron, ademais, emendas ou achegas da Marea Atlántica. Foi o caso da presentada por Ciudadanos para reclamar melloras para Alvedro, ou da petición do BNG para un estatuto electrointensivo que impulse á industria en Galicia. Tamén da proposta do PP para un plan de accesibilidade universal. Unha mostra de diálogo construtivo.

Tamén sumamos ideas a á iniciativa do BNG para reclamar investimentos do Estado na Coruña, e emendamos xunto ao Bloque e o PSOE unha proposta similar do PP. María García sinalou que: “A Vedra, a pasarela de Pedralonga, a débda do Porto, a Maestranza, a Intermodal, ría do Burgo… son moitas as débedas, si. Porque son moitos anos, goberno tras goberno, nos que o Estado se desentendeu da Coruña e da súa Área Metropolitana. Nós, coas mans libres de servidumes, seguiremos insistindo para poñer fin a esta débeda".

Comentarios
O Pleno pecha, por unanimidade, a recuperación do carácter público dos terreos da Solana, iniciada no mandato anterior