BNG | nota de prensa

O pleno de setembro aproba as tres mocións do BNG

O PP abstense na votación da iniciativa sobre os servizos sociais ao incluír unha petición á Xunta para que se reimplante a Tarxeta Básica.

O pleno de setembro aproba as tres mocións do BNG
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

A Coruña, a 8 de setembro de 2022. O Pleno ordinario de setembro aprobou as tres mocións a debate do BNG, dúas delas por unanimidade –as relativas á deslocalización do servizo de atención telefónica da antiga Fenosa e ás políticas do Concello en materia turística. A iniciativa sobre como actuar desde os servizos sociais perante a escalada de prezos tivo o apoio de PSOE, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita, mais colleitou a abstención do PP ao incluír a moción unha petición á Xunta para que se reimplante a Tarxeta Básica.

Na moción sobre a deslocalización a Colombia do servizo de atención telefónica da antiga Fenosa que presta Teleperformance na Coruña, o voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, pedía que a Xunta e o Goberno central puxesen atrancos aos planos de Naturgy (actual dona da empresa eléctrica orixinariamente nada na Galiza).

Jorquera remarcou que o Estado (isto é, o goberno PSOE-Unidas Podemos) si pode facer cousas, entre outras lexislar para condicionar o acceso das eléctricas a fondos públicos (verbigratia, os Next Generation) a que non se destrúan postos de traballo ou se deslocalicen servizos esenciais como os da atención telefónica.

“Vai resolverse unha incidencia coa mesma eficacia cando lle tes que explicar a un señor de Colombia que hai un problema no tendido eléctrico no lugar da Revolta, lugar das Merelas, parroquia de Fisteus, concello de Curtis, provincia da Coruña”, perguntouse a modo de exemplo o voceiro nacionalista.

O que non é aceptábel, resaltou, é que empresas que explotan os recursos naturais do noso país fechen logo centros laborais na Coruña e destrúan postos de traballo, ao tempo que lesionan o dereito da veciñanza a ser atendida en galego as 24 horas do día.

Políticas de turismo

Canto á moción sobre as políticas seguidas desde o Concello en materia turística, Jorquera subliñou que a nosa cidade ten un enorme potencial neste campo, mais que non sempre se ve acompañada polas accións que se despregan desde o Goberno Local.

Así, a moción relaciona unha serie de medidas para corrixir “as feblezas e carencias” das actuais políticas municipais nesta área. “Hai que facer cousas tan obvias como reforzar os servizos de limpeza e recollida de lixo durante os meses de maior afluencia de visitantes ou mellorar o transporte público urbano incrementando frecuencias e ampliando horarios. Hai que regular tamén as vivendas de uso turístico, para evitar que alimenten a escalada de prezos dos alugueres. E hai que mellorar a protección da Torre de Hércules e da súa contorna”, enumerou Jorquera.

O voceiro nacionalista avogou tamén por que se poña en valor a condición da Coruña como “cidade picassiana” e “cidade rosaliana”, por dotar a política turística dunha dimensión comarcal e por desestacionalizar a oferta. 

O texto que finalmente se someteu a votación foi transaccionado coa Marea Atlántica após este grupo terlle presentado unha emenda.

Avia Veira
Avia Veira

Servizos sociais do Concello

“O Estado e a Xunta teñen máis competencias, porén o Concello tamén ten que se espelir e actuar”, defendeu Avia Veira no pórtico da moción en que se instaba o Goberno Local a tomar medidas fronte á escalada inflacionaria que estamos a vivir, un fenómeno que golpea especialmente os sectores sociais máis vulnerábeis.

Que pode facer o Concello? Pois, esclareceu Veira, convocar o Consello Local de Inclusión Social, pór en marcha un Plan de Inclusión Social, estudar o aumento das axudas de emerxencia e da renda municipal e instar a Xunta a que reintroduza a Tarxeta Básica.

Isto é, remarcou, o Goberno Local ten que materializar aquilo ao que se comprometeu co BNG cando o grupo municipal socialista asinou coa formación nacionalista o Acordo de Investidura de Inés Rey.

“O que non cabe neste contexto é non facer nada”, alegou Veira. O BNG aceptou unha emenda da Marea e rexeitou unha proposta de modificación do seu texto feita desde as bancadas do PP.

O pleno de setembro aproba as tres mocións do BNG