Eleccións xerais | BNG

"A única maneira de estarmos como galegas e galegos no congreso é votando BNG", afirma Avia Veira

"A cuestión non é sermos ou non sermos galegas e galegos. A cuestión é exercermos como tales e está claro que estes anos os deputados galegos das forzas estatais en Madrid non actuaron como galegas e galegos", dixo na súa intervención no mitin de Monte Alto a concelleira do BNG Avia Veira, nun acto político no que interviñeron tamén o candidato ao Congreso Xosé Iglesias e a eurodeputada do BNG Ana Miranda.
"A única maneira de estarmos como galegas e galegos no congreso é votando BNG", afirma Avia Veira
mitin 1
Ana Miranda, Avia Veira e Xosé Iglesias

"Pensou algunha vez Nadia Calviño nunha transición enerxética xusta para Galiza que garanta o futuro de As Pontes? O feito de ter pasado por ministerios ou pola presidencia do Goberno políticos galegos como Pepe Blanco ou Mariano Raxoi serviron para termos o tren de proximidade, unha tarifa eléctrica galega ou a transferencia da AP9?", perguntouse Avia Veira, para se contestar que só unha forza "coas mans verdadeiramente libres" pode defender os intereses galegos en Madrid. "Esa forza é o BNG", remarcou.

"No Congreso están Euskadi, Catalunya, Valéncia, Canarias e até Cantabria. Galiza non pode continuar ausente. Vainos a vida en termos presenza alí", clamou a concelleira nacionalista no salón de actos do CEIP Curros Enríquez.

"Son un mariñeiro raso. Nunca votei polo PP. Sempre o fixen polo BNG porque o Bloque si defende o noso mar". Así comezou a súa intervención Xosé Iglesias, poeta, mariñeiro e candidato nacionalista ao Congreso por A Coruña.

Iglesias evocou os tempos en que, hai xa logo 20 anos, A Coruña posuía unha frota de altura duns 200 barcos. "Apenas ficamos 4", relatou, produto das políticas de destrución da pesca galega ditadas desde Bruxelas e aplicadas polo goberno español e pola Xunta. "Que necesidade temos de que nos inunden con salmón noruegués de piscifactoría? De que nos serviu entrar na UE?", perguntouse.

Por súa parte, Ana Miranda, que viña de participar nunha conferencia debate con outras forzas políticas na lonxa coruñesa, felicitouse de que na mesa deste mitin de Monte Alto "haxa dúas mulleres", en contraste "co debate de onte en que só había homes e en que tamén estivo ausente Galiza".

Miranda puxo en destaque que a sociedade galega sabe que alí onde está o BNG se defenden os intereses do país e chamou a votar nacionalista o 10N, entre outras cousas para frear o avanzo do fascismo. "As enquisas din claramente que o BNG vai obter o seu escano na Coruña a custa de Vox. Enchamos, pois, as urnas de votos nacionalistas para parar a ultradereita", alegou.

"A única maneira de estarmos como galegas e galegos no congreso é votando BNG", afirma Avia Veira