Marea Atlántica | nota de prensa

Xan Xove: “A partir de maio, coa Marea Atlántica no goberno, revisaremos a fondo o PXOM para que o urbanismo de hai trinta anos non condicione a cidade de hoxe”

O noso candidato á Alcaldía amosou a súa preocupación pola febre urbanística que Inés Rey está a impulsar sen a mínima reflexión e a tres meses da cita electoral: “Pídolle que non condicione ao novo goberno con proxectos que nin suman nin son progresistas” 
Xan Xove: “A partir de maio, coa Marea Atlántica no goberno, revisaremos a fondo o PXOM para que o urbanismo de hai trinta anos non condicione a cidade de hoxe”
22_02_28_RoldaUrbanismo1
22_02_28_RoldaUrbanismo

Este xoves, no Pleno municipal, debateremos sobre Visma, a Agra de Santo Amaro e a Cidade das TIC 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a nosa voceira municipal, María García, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para valorar o ronsel de proxectos urbanísticos con nulo encaixe na cidade actual que está a agromar nas últimas semanas: San Pedro de Visma, a Agra de Santo Amaro, o cambiazo na Cidade das TIC e a reactivación das Percebeiras. “A partir de maio haberá un novo goberno, do que formará parte a Marea Atlántica, que revisará a fondo o PXOM para que urbanismo de hai trinta anos non condicione a cidade de hoxe”. 

En palabras de Xan Xove: “Preocúpanos este ronsel de proxectos que Inés Rey está a impulsar sen a mínima reflexión, todos eles modelos obsoletos e herdeiros do planeamento urbanístico dos anos 90 e con altas doses de formigón. Por iso pedímoslle á alcaldesa que non hipoteque ao novo goberno que sairá en maio das urnas con decisións urbanísticas que nin suman nin son progresistas. Dentro de tres meses, despois das eleccións será o momento de revisar o Plan Xeral de Ordenamento Municipal”. 

Pola súa banda, María Garcia sinalou que “estase a desatar unha febre urbanística que se está a desatar nas últimas semanas arredor de Inés Rey, que a alcaldesa parece asumir sen plena conciencia. En todos estes asuntos, máis ca presidir un goberno e facer política urbanística, a alcaldesa parece que leva unha xestoría de intereses inmobiliarios de terceiros”. E lembrou que o pleno deste xoves, 2 de marzo, trataranse varios destes asuntos: Visma, Durmideiras e a Cidade das TIC. 

Mañá mércores, ás 19h, acto público en San Pedro de Visma 

Nesta liña, a Marea Atlántica convoca para mañá, mércores 1 de marzo, un acto público que terá lugar ás 19.00h no centro cívico dos Mariñeiros, no que explicaremos as nosas alegacións ao proxecto e escoitaremos as dúbidas da veciñanza. Como xa temos sinalado, é un urbanismo completamente fóra de escala, tanto para a contorna coma para o tempo presente. 

En Visma están previstos edificios de ata 20 alturas que deixarán en sombra aos barrios do arredor, que non respectan o patrimonio arqueolóxico da Viaxe de Visma, que borran as hortas urbanas e que alteran por completo a paisaxe e nos que a vivenda protexida é moi escasa. Ademais das alegacións, presentaremos no Pleno unha moción para reclamar que se retire a súa tramitación e se adapte o proxecto ás necesidades da Coruña de hoxe. 

Proxectos de onte para a cidade de hoxe 

O xoves no Pleno tamén falaremos de Durmideiras, con outra moción na que instamos a mudar o PXOM para suprimir a edificabilidade na contorna de protección da Torre. Recollemos deste xeito a demanda que nos trasladou a veciñanza de Durmideiras nunha recente xuntanza á que asistiron unhas 50 persoas. Alí, amosaron a súa polo desenvolvemento da Agra de Santo Amaro, de novo excesivo en alturas e en impacto ambiental, e temen que poidan levarse a cabo proxectos similares na canteira de Durmideiras e na contorna da Torre de Hércules. 

Finalmente, na sesión plenaria denunciaremos o que acontece na Cidade das TIC, onde teremos un caso realmente anómalo: o goberno local trae a aprobación definitiva un estudo de detalle que nada ten que ver co que pasou a aprobación inicial. Todo porque o Ministerio de Defensa, comportándose unha vez máis coma a peor das inmobiliarias, esixiu eliminar zonas verdes, a propia lagoa, espazos abertos e mesmo o aparcamento disuasorio para esgotar a edificabilidade das parcelas. 

“O proxecto da Cidade das TIC tivo un moi bo punto de partida, pero avanza no sentido contrario. Queren convertelo nun polígono industrial á vella usanza, pechado sobre si mesmo e separado da cidade. Por iso pedimos que se retire o asunto da orde do día do Pleno e que antes de aprobar o Estudo de Detalle se modifique o PXOM para impedir esta desfeita. Sería un moi mal sinal que o goberno aprobase isto a través dun acordo o PP”, explicou María García. 

Gobernar non é ter unha xestoría inmobiliaria 

Xan Xove concluíu sinalando que “todos estes proxectos, todo ese formigón en Visma, en Santo Amaro, nas Percebeiras e na Cidade das TIC xa era esaxerado en tempos da burbulla inmobiliaria. Agora, directamente, é unha irresponsabilidade. Por iso lle pedimos a Inés Rey que tome en serio as recomendacións da Unión Europea e a ONU, que reivindica en acordos e convenios, pero que esquece á hora de deseñar o urbanismo real. Pedímoslle que peche a xestoría inmobiliaria de deixe paso a un goberno que realmente teña un modelo de cidade do século XXI”. 

En tres meses volveremos ter un goberno que traballe por unha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista. Unha cidade con espazo público, con vivenda asequible, onde non sexa imposible alugar, con zonas verdes que che permita deixar o coche en casa e moverte de xeitos máis eficientes e menos contaminantes.

Xan Xove: “A partir de maio, coa Marea Atlántica no goberno, revisaremos a fondo o PXOM para que o urbanismo de hai trinta anos non condicione a cidade de hoxe”