Comercio de barrio

O Concello abre o prazo de preinscrición para o Concurso de Escaparates de Nadal

Os comercios que desexen participar poderán contar co asesoramento dunha persoa experta na materia, solicitando este servizo de consultoría a través da páxina web da campaña
O Concello abre o prazo de preinscrición para o Concurso de Escaparates de Nadal
Concurso de escaparates
Concurso de escaparates

Despois da recente entrega dos premios aos gañadores do Concurso de Escaparatismo Samaín 2021, a Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios que encabeza Diana Sobral pon en marcha unha nova campaña, o Concurso de Escaparates de Nadal, orientada aos comercios de proximidade da cidade da Coruña.

Dende hoxe e ata ao día 9 de decembro -tamén incluído-, estará aberto o prazo de solicitude para os establecementos interesados a través da páxina web www.escaparatescoruña.es, onde tamén se poden consultar as bases de participación. Ademais, os comercios que desexen participar disporán da posibilidade de contar co asesoramento dunha persoa experta na materia, servizo que tamén é posible solicitar na web oficial da campaña.

Ao Concurso de Escaparates de Nadal poden optar exclusivamente os comercios de proximidade con establecemento aberto ao público que non formen parte de cadeas comerciais nin se atopen situados en centros comerciais. 

Unha vez peche o prazo de solicitude da campaña, os escaparates dos comercios participantes deberán permanecer expostos coa decoración escollida para o veredicto do xurado ata o día 4 de xaneiro. O comité que escollerá aos gañadores valorará a creatividade, complexidade da montaxe e a integración da decoración coa actividade do establecemento comercial.

Baseándose na puntuación obtida, haberá dez finalistas que, a continuación, deberán enviar dúas fotografías do seu escaparate para publicalas na páxina web do concurso, abríndose o prazo para a votación popular, que se levará a cabo entre os días 22 e 30 de decembro.

Con máis de 6.500 euros en premios, os cinco escaparates máis votados obterán entre 2.500 e 750 euros de bonificación. Tamén poderán resultar premiadas as persoas que participen na votación popular, co sorteo de 25 vales de compra de 50 euros cada un.

Comentarios
O Concello abre o prazo de preinscrición para o Concurso de Escaparates de Nadal