BNG | nota de prensa

Jorquera ironiza e no pleno do vindeiro xoves vaille preguntar ao goberno local se vai presentar a demanda para recuperar a casa cornide antes de que remate o século XXI

Será capaz o Goberno Local de presentar a demanda xudicial para conseguir a restitución da Casa Cornide ao patrimonio público antes da conclusión do presente século?
Jorquera ironiza e no pleno do vindeiro xoves vaille preguntar ao goberno local se vai presentar a demanda para recuperar a casa cornide antes de que remate o século XXI

A Coruña, a 10 de xaneiro de 2022. Botando man da ironía esta é a pregunta que o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, lle vai dirixir ao Goberno Local no Pleno ordinario deste vindeiro xoves 13X.

O BNG xa levou esta cuestión ao Pleno de decembro pasado e vaino volver facer agora ante a inacción do Goberno Local. “Ímolo facer cantas veces sexa preciso mentres non se inicien as accións legais”, avanza Jorquera.

Cumpre lembrar que no primeiro pleno do actual mandato, setembro de 2019, e a iniciativa do BNG, a Corporación acordou interpor unha demanda contra os Franco para recuperar a Casa Cornide. Hai dous anos e como se nada, e iso que desde o verán de 2020 o Goberno Local dispón dun estudo histórico e desde decembro de 2020 un ditame xurídico sobre as distintas vías que se poden ensaiar para lograr a restitución do inmóbel, unha xoia barroca situada no corazón da cidade vella e que en tempos foi sede do propio Concello.

O BNG tamén se interesou por este asunto no Parlamento galego a través da deputada Mercedes Queixas, perante a dilación na posta en marcha efectiva da declaración do palacete como BIC.

Na resposta a Queixas, o conselleiro –“alén de tirar balóns fóra”- lamentou que o Concello aínda non iniciase os trámites xurídicos para reclamar a titularidade da Casa Cornide.

Non hai, por tanto, ningunha escusa que xustifique tanta demora, xulga o voceiro do BNG, quen agarda que desta volta o concelleiro da Memoria Histórica, Jesús Celemín, comprometa ante o Pleno unha data concreta para a formalización da demanda.

Comentarios
Jorquera ironiza e no pleno do vindeiro xoves vaille preguntar ao goberno local se vai presentar a demanda para recuperar a casa cornide antes de que remate o século XXI