BNG | nota de prensa

O BNG mantén unha reunión coa Asociación Galega de Turismo Sostíbel e anuncia iniciativas para regular os pisos turísticos no concello

Non é de recibo que se manteña a situación actual de “barra libre”, de falta de regulación da existencia de pisos turísticos na cidade.
O BNG mantén unha reunión coa Asociación Galega de Turismo Sostíbel e anuncia iniciativas para regular os pisos turísticos no concello
BNG Asociación Galega Turismo Sostíbel
BNG Asociación Galega Turismo Sostíbel

A Coruña, a 15 de febreiro de 2023. Este diagnóstico compartírono o grupo municipal do BNG e representantes da Asociación Galega de Turismo Sostíbel durante a reunión que esta mañá mantiveron nas oficinas da formación nacionalista en María Pita.

“Cómpre unha ordenación clara para evitar a proliferación excesiva de pisos turísticos en zonas que se poden acabar baleirando de residentes habituais e tamén para frear fenómenos de competencia desleal”, considera o noso voceiro no Concello e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera.

Existe falta de regulación e tamén falta de control por parte do Goberno Local, tal e como se desprende dunha recente resposta do Executivo coruñés a unha pregunta formulada pola nosa concelleira Avia Veira a respecto do número de pisos turísticos existentes na Cidade Vella e na Pescaría.

Nunha política de vivenda digna de tal nome, é preciso inserir unha regulación efectiva dos pisos turísticos, defende Jorquera.

Para o candidato nacionalista á Alcaldía, é moito o que pode facer o Concello para mellorar unha situación que se caracteriza polo cada día máis difícil acceso das coruñesas e dos coruñeses a unha vivenda no termo municipal: “Desde o Concello cómpre apoiar de xeito máis decidido a rehabilitación, incrementar o parque de moradas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer a prezo taxado. E desde logo hai que regular os pisos turísticos”.

O BNG rexistrará iniciativas a este último respecto nos próximos días.

O BNG mantén unha reunión coa Asociación Galega de Turismo Sostíbel e anuncia iniciativas para regular os pisos turísticos no concello