ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS “UXÍO CARRÉ” | NOTA DE PRENSA

Cambios no rueiro en Eirís

Esta maña o Pleno do Concello da Coruña aprobou o nome de varias rúas para o Polígono de Xuxán, ata agora mal chamado Ofimático.

A proposta apróbase por maioría, e sen que ningún dos grupos falase en ningún momento coa veciñanza nin con esta asociación veciñal, que levaba anos tentando ser escoitada.

Cambios no rueiro en Eirís
toponimia perdida
toponimia perdida

Tras anos facendo propostas, entre elas o nome de Xuxán para o novo polígono, presentamos por escrito unha proposta hai máis dun ano, que o goberno anterior (e o actual) viron en Xunta de Goberno a finais de xuño de 2019. Parece que o que sí se tivo en conta foi un informe da Real Academia da Língua Galega, que coincidía segundo parece coa nosa proposta do nome de Xuxán. Informe que tamén descoñecemos. A nosa proposta, ante a falta de resposta, reenviouse por mail e entregouse de novo a semana pasada en man a quen eventualmente era responsable da área, o Concelleiro Sr. Borrego, que o ía revisar.

A Coruña, 30 de xullo de 2020.- O Concello da Coruña segue ignorando á xente nas súas tomas de decisións. Non escoita á veciñanza nin ás asociacións veciñais nin siquera para poñer de novo nome ás rúas que xa o tiñan antes de que as excabadoras derribaran parte do barrio de Eirís.

Así chegamos a ter outra vez nomes duplicados e fóra do seu lugar real. E é que en Eirís hai moitos anos que dá medo pedir que poñan unha placa co nome da rúa (que en moitas das rúas non hai) porque o resultado final soe ser que cambien o nome da rúa, como se se pensase que a xente que vive nela non tiña un enderezo... O que non hai é placa!!

Temos a rúa Casanova de Eirís no Castrillón, e a quen vivía en Casanova de Eirís resulta que vive agora en Eirís de Arriba. Quen vivía na Calexa vive tamén en Eirís de Arriba porque a Calexa agora está máis abaixo (nunha rúa que nada ten que ver con unha calexa...) e poderiamos seguir así ata a Avenida de Nueva York no veciño barrio da Zapateira...

Hai xente que leva máis de 60 anos vivindo na Canteira de Eirís, que é un núcleo de rúas de edificios altos, ben identificables, e onde a rúa do medio chámase Rúa Canteira de Eirís. Agora van ver como lles cambian o nome da súa rúa para darllo a outra??

Duplicamos nomes facendo que se perdan outros: As Peladas, Fonte Dos Caños (que case nos deixan sen fonte tamén, unha fonte antiga, de pedra e catalogada), Praza do Campo, Fonte Marusca ...

Temos xa unha rúa que leva o nome do noso ilustre escritor e mestre “Uxío Carré”, pero perdemos a oportunidade de homenaxear a un veciño escritor e xornalista, Xosé Lesta Meis, que naceu e viviu en Eirís de Abaixo, na baixada ó Río de Xuxán.

Eses lugares existían e tiñan nome antes de que as escavadoras derrubasen as casas da veciñanza, e deberan manterse para as novas veciñas e veciños.

O respecto e a sensibilidade que ten este Concello e toda a corporación pola historia do barrio, pola súa toponimia e pola xente de Eirís, pola que foi desaloxada en nome da especulación urbanística, e pola que o viviu, quedou patente de novo hoxe, xa que seguen tomando decisións por Eirís pero sen contar con Eirís!!!

Comentarios
Cambios no rueiro en Eirís