Busca “facilitar o acceso a unha vida normalizada a través de alternativas laborais”

A Concellería de Igualdade pon en marcha unha mesa de traballo co colectivo ‘manteiro’

Rocío Fraga reuniuse hoxe con membros deste colectivo migrante, ademais de representantes de distintas entidades do ámbito social. “Queremos establecer unha folla de ruta para poder mellorar as condicións destas persoas. A integración pasa en gran medida polo acceso ao traballo”, comentou

A Concellería de Igualdade pon en marcha unha mesa de traballo co colectivo ‘manteiro’
Reunión da concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, con membros do colectivo

Fonte: Concello da Coruña | 4/10/2016

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, reuniuse hoxe con representantes do colectivo de manteiros e manteiras adicadas á venda ambulante nesta cidade, así como con diversos membros de entidades do ámbito social que traballan co mesmo de cara a activar unha mesa de traballo na que todas as partes actuarán de forma conxunta co obxectivo de facilitar "o acceso destas persoas a unha vida normalizada", o que se logrará en gran medida "a través de novas alternativas laborais". Na xuntanza --á que tamén acudiron representantes da Unidade Municipal de Atención a Persoas Migrantes (UAMI)-- estableceuse unha folla de ruta con distintas actuacións. "A nosa intención é levar a cabo unha tarefa de mediación para conseguir normalizar a situación deste colectivo, sen que entre en conflicto co desenvolvemento doutros. Trátase, ao cabo, de veciños e veciñas desta cidade, e o compromiso do Concello é o de, na medida en que poida, propiciar a súa completa integración, algo que se logra por varias vías", explicou a responsable municipal.

"Este Concello xa ten en marcha unha Renda Social Municipal que ten en conta ao colectivo de persoas migrantes que non posúen unha situación regularizada. Pero queremos ir máis alá. Cremos que, precisamente, para favorecer a normalización da súa situación é preciso ofrecer alternativas laborais", comentou a concelleira, que indicou que o seu departamento, en colaboración coa área de Emprego e Economía Social, dirixida por Alberto Lema, porá en marcha unha serie de itinerarios laborais "axustados ás necesidades e a situación deste colectivo". "A súa integración laboral é unha vía pola que a acceder a regularización da súa situación", comentou.

As entidades do ámbito social realizarán, en colaboración con todo o colectivo manteiro un estudo dos seus diversos perfís profesionais. Este estudo será posteriormente usado polo Concello para levar a cabo os itinerarios formativos máis acaídos. "Este Goberno local cre que é preciso e de recibo levar a cabo accións co fin de mellorar as condicións de vida destas persoas, que tamén son veciños e veciñas desta cidade, aínda que os diversos executivos que pasaron por María Pita nunca abordaron esta situación", destacou Fraga. "Nós o facemos implicando ao propio colectivo, as entidades sen ánimo de lucro que traballan con estas persoas e a diversas áreas do Goberno, dun xeito transversal", comentou.

A Concellería de Igualdade pon en marcha unha mesa de traballo co colectivo ‘manteiro’