Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica esixe un incremento dos convenios e subvencións ao tecido asociativo para facerlle fronte á pandemia

María García e Iago Martínez mantiveron unha xuntanza co portavoz do goberno, José Manuel Lage, a quen instaron a presentar canto antes unha proposta de convenios para negociar; a 20 de xaneiro, as asociacións seguen na incerteza
A Marea Atlántica esixe un incremento dos convenios e subvencións ao tecido asociativo para facerlle fronte á pandemia
convenios asociacions port
Convenios asociacions (imaxe de Marea Atlántica)

Faltan dez días para que remate o prazo prometido para as novas axudas fiscais á hostalería e o pequeno comercio, sen que Inés Rey amose intención de cumprir o acordo

A Coruña, 20 de xaneiro de 2021.- A voceira e o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, reuníronse hoxe co portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, para negociar o desbloqueo urxente dos convenios do Concello co tecido asociativo da Coruña, no limbo a consecuencia da decisión unilateral e irresponsable da alcaldesa de renunciar á elaboración duns Orzamentos para 2021 traizoando a vontade maioritaria do Pleno.

“Trasladamos toda a nosa disposición a aprobar canto antes estes convenios para rematar coa incerteza na que viven as entidades sociais, culturais e deportivas, que a 20 de xaneiro non saben se van ter apoio municipal ou non”, afirmou María García, e engadiu que “reclamamos un incremento dos convenios e subvencións a estas entidades, para tenderlles a man fronte á pandemia e a crise”.

García e Martínez instaron a Lage a presentar canto antes unha proposta para os novos convenios de 2021 recollendo as preocupacións da Marea Atlántica e aumentando os fondos para ter en conta as consecuencias da situación sanitaria. “Non pode ser que a 20 de xaneiro o tecido asociativo siga na incerteza, sen poder planificar a súa actividade para os próximos once meses”, sinalou a nosa voceira. “O pasado exercicio pechouse coa peor execución orzamentaria dos últimos cinco anos, con concellarías que non chegaron a gastar nin a metade dos seus fondos, e aínda neste mes se están a pagar as axudas do Presco de 2020, sete meses despois. Preocúpanos que este desastre se repita este ano”, engadiu.

As entidades sociais chegan ata onde non chegan os gobernos, e están a sufrir igualmente as consecuencias da pandemia, especialmente as que xeran postos de traballo e quedaron inexplicablemente excluídas do Presco. Polo de agora, están a recibir silencio e abandono por parte do goberno municipal, e por iso “pedimos un incremento dos fondos destinados a apoialas, ben cun incremento dos convenios, ben con novas liñas de subvencións, que poden financiarse reducindo os fondos previstos para propaganda e asistencias técnicas”, explicou María García.

Cos orzamentos prorrogados todo vai máis lento

Porén, non hai que esquecer que todas estas medidas son parches necesarios pola decisión unilateral do PSOE de prorrogar o Orzamento de 2020, a pesar de que toda a oposición lle está a pedir que negocie un novo, mesmo con varios acordos maoiritarios no Pleno (o último hai dúas semanas, a partir dunha moción da Marea Atlántica).

As consecuencias de ter un Orzamento prorrogado están á vista: menos recursos para investimento, ninguha análise sobre o que a cidade necesita neste 2021, caducidade dos convenios e a necesidade de empregar modificativos de crédito para calquera cambio, ralentizando a súa tramitación nuns tempos nos que hai moita xente que non pode agardar. “É incrible que Inés Rey, voluntariamente, desprece o diálogo coas forzas que lle deron o seu voto na investidura e renuncie á súa obriga de elaborar uns novos orzamentos. É inexplicable que, por non sentar a dialogar, o que sempre implica cesións, claro, prefira afrontar 2021 cunhas contas deseñadas a finais de 2019, antes da COVID”, argumenta María García.

A pandemia puxo a proba a capacidade de manobra das institucións ante unha situación inédita, e o goberno da Coruña, centrado en leas internas e en emitir propaganda, non estivo á altura. Pódese ver na demora en aprobar as novas bonificacións fiscais, en que aínda non exista unha proposta firme para un novo plan de choque fronte á pandemia, e en que as axudas do primeiro, o chamado Presco, aínda comecen a pagarse agora, sete meses despois de que milleiros de pemes, micropemes e persoas autónomas rexistrasen a súas solicitudes.

A Marea Atlántica esixe un incremento dos convenios e subvencións ao tecido asociativo para facerlle fronte á pandemia