Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica insiste no reforzo das axudas ao fomento do emprego no novo Presco

A crise que estamos a vivir require un esforzo para impulsar a contratación e o emprego de calidade, unha proposta da Marea Atlántica que o goberno local aceptou incorporar

A Marea Atlántica insiste no reforzo das axudas ao fomento do emprego no novo Presco

Tamén se tiveron en conta as nosas achegas para enfocar mellor as axudas destinadas ao sector cultural, coma as bolsas de creación artísica

A Coruña, 17 de xuño de 2021.- Na Comisión de Facenda celebrada esta mañá producíronse novos avances cara a aprobación nun novo Presco 2021, o plan de axudas do Concello da Coruña para afrontar a crise derivada da pandemia. O goberno lolcal aceptou varias das propostas da Marea Atlántica, entre elas a de reforzar as axudas directas para o fomento do emprego e a de enfocar mellor as medidas relacionadas co sector cultural. Son pasos positivos, que suman para mellorar un Presco que xa chega tarde e que, de todos os xeitos, será menos ambicioso que o ano pasado.

Neste sentido, insistimos en que se incrementen as contías das axudas á contratación, tanto a nivel xeral coma por persoa, para non quedar nalgo anecdótico. Coa fin dos ERTE no horizonte, as medidas de fomento do emprego deben ser unha prioridade de todas as administracións. O seu importe segue a ser mellorable, e aínda botamos en falta que se esixan salarios dignos e unha duración mínima dos contratos.

Desde a Marea Atlántica tamén trasladamos diversas melloras nas bases e nos conceptos das axudas directas a pemes, micropemes e autónomos, para aprender dos erros e facelas máis eficaces, como o adianto dos fondos cunha declaración responsable, chegando ata o 98% do importe total. Estas ideas foron aceptadas e, se o goberno local fai o seu traballo de xestión, axudarán a evitar demoras como a do ano pasado, do que aínda faltan axudas sen pagar.

Tamén se aceptaron varias das nosas achegas para mellorar a convocatoria de bolsas de creación cultural. Incorporaranse as modalidades de música, danza, creación dixital e investigación, entre outras, e reducirase o prazo de resolución de catro a dous meses. Tamén se sumarán dous profesionais de recoñecido prestixio á comisión de valoración. Tristemente, mantense o recorte nas contías, tanto en total, —onde se pasa de 180.000 a 90.000 euros— como no máximo por proxecto —baixa de 5.000 a 3.000 euros—.

En termos xerais, os fondos deste Presco, menos da metade que en 2020 (uns 6 millóns fronte a 13,5) seguen a ser escasos para os retos que ten que afrontar á xente da Coruña nestes momentos de crise. Pero un plan escaso é mellor ca ningún plan.

Doutra banda, parece confirmarse que co modificativo de crédito necesario para financiar o Presco se tramitará outro para incorporar novos convenios con entidades do terceiro sector, entre eles, os que foran propostos pola Marea Atlántica en febreiro e vetados ilegalmente pola alcaldesa.

Deste xeito, sumaranse 340.000 euros para apoiar a colectivos culturais como Clubtura, CUAC FM, Donaire ou a Asociación República Mardi Gras; entidades deportivas como AMI ou o Hockey Club Borbolla; Espazo Coop para darlle pulo á economía social; ou entidades que traballan con persoas vulnerables, como Viraventos, Ecos do Sur, Hogar Sí ou Secretariado Xitano. Tamén medrará o acordo do Concello con Provivenda e Housing First para ofrecer alternativas ás persoas sen fogar. Quedan diferenzas por puír, pero a negociación avanza.

Pedímoslle ao goberno celeridade para que estse convenios aprobados se fagan realidade e non se deixen caducar sen efecto, como ocorreu o ano pasado cos que lles correspondían á Asociación de Librarías da Coruña e a Clubtura, aprobados en xullo e nunca formalizados. Os prazos administrativos son xa moi xustos para chegar a finais de ano.

Comentarios
A Marea Atlántica insiste no reforzo das axudas ao fomento do emprego no novo Presco