Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica insta ao goberno local a supervisar o cumprimento dos contratos de recollida de lixo e limpeza de rúas

Levan a Pleno unha moción na que reclaman que se controle a calidade na prestación do servizo e se apliquen descontos nos pagos en caso de incumprimentos 

 

A Marea Atlántica insta ao goberno local a supervisar o cumprimento dos contratos de recollida de lixo e limpeza de rúas

María García: “Inés Rey e o PSOE fixeron da limpeza un eixo da súa campaña electoral, pero nin sequera teñen os servizos plenamente operativos” 

O grupo municipal da Marea Atlántica presentará unha moción no pleno deste xoves, 8 de setembro, para instar ao goberno local a supervisar a limpeza da cidade e a xestión do lixo na Coruña, para garantir que as empresas están a cumprir cos seus contratos, e sancionalas se non poñen todos os medios aos que están obrigadas. Non se poden descoidar servizos polos que o Concello paga máis de 30 millóns ao ano. 

O Concello renovou nos últimos anos tres grandes contratos relacionados con esta área: os de limpeza viaria, recollida de residuos e mantemento de contedores. Todos eles foron licitados durante o mandato da Marea Atlántica, incrementando orzamento e prestacións con respecto aos anteriores. Pero, como sinala a nosa voceira, María García, “o certo é que ningún está plenamente operativo, teñen recursos que non se empregan, como está a denunciar o persoal das empresas concesionarias”. Un exemplo é a recollida de residuos voluminosos, con lista de agardas de ata tres semanas, algo nunca visto na Coruña. 

A nosa voceira, María García, sinala que “as queixas veciñais polos problemas coa limpeza están a ser constantes nos últimos meses, e o goberno de Inés Rey non está a ser quen de cumprir as promesas da súa campaña electoral baseada en boa parte en denunciar a suposta suciedade das rúas”. Porén, “o plan de choque de limpeza, tantas veces prometido e anunciado, ao final foi cousa dun mes e non tivo moito máis efecto que o propagandístico”. 

A Concellería de Medio Ambiente acumula contratos caducados 

Na iniciativa que levaremos a pleno tamén se sinala que outros contratos relacionados coa limpeza, coma o da planta de Nostián ou o do coidado de parques e xardíns están caducados desde hai anos, e non semella que se vaian poñer en marcha nos nove meses que quedan de mandato. O de Nostián é un caso especialmente grave, xa que a empresa concesionaria, Albada está a reducir dereitos laborais e a deixar que a maquinaria da planta se deteriore, como os sindicatos denuncian constantemente. “Está moi claro que este goberno non ten un modelo de xestión de residuos, polo que pedimos que negocie coa oposición e os concellos da área metropolitana para avanzar no tempo que lle queda”, afirma a nosa portavoz municipal. 

Finalmente, reclamámoslle ao goberno local que cumpra os acordos que asinou coa Marea Atlántica e recuperar o compromiso do Concello coas Residuo Cero, mellora da calidade das augas ou educación ambiental. É preciso traballar redución do lixo producido, na separación en orixe (especialmente dos residuos orgánicos) e na sensibilización cidadá. “Está claro que a limpeza depende en boa medida da colaboración da veciñanza, pero iso non significa que a administración teña que quedar de brazos cruzados”, resume María García. 

Desaproveitando os avances e as iniciativas 

No pasado mandato déuselles pulo ás políticas de residuos: a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa, segundo indican os estudos da Universidade da Coruña. En 2017 e 2018, gobernando a Marea Atlántica, o Concello recibiu o premio Pajaritas Azules en 2017 e 2018 polos esforzos na recuperación de papel e cartón. Agora, as cifras de recuperación deste material están en retroceso desde a pandemia. 

Ademais, e de novo segundo os estudos da Universidade da Coruña, entre 2015 e 2018 medrou a xeración de electricidade procedente de biogás da Planta de Nostián. Pasou de 90 a 230 kwh por cada tonelada de materia orgánica, un incremento do 250%, froito do mellor funcionamento das instalacións. Hoxendía o goberno ten a oportunidade de afondar na xeración de enerxía limpa coa creación dunha empresa eléctrica municipal, grazas ao acordo orzamentario coa Marea Atlántica, pero mantén a iniciativa completamente paralizada.

A Marea Atlántica insta ao goberno local a supervisar o cumprimento dos contratos de recollida de lixo e limpeza de rúas