Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica insta o goberno local a tomar medidas fronte ao enorme déficit da piscina municipal do Club do Mar

A directiva declarou un ERTE ante a complicada situación económica que atravesa a entidade. Reunímonos con representantes sindicais para trasladarlles o noso apoio

 

A Marea Atlántica insta o goberno local a tomar medidas fronte ao enorme déficit da piscina municipal do Club do Mar
Alberto Lema con representantes sindicais do Club do Mar
Alberto Lema con representantes sindicais do Club do Mar

Alberto Lema: “Non se pode abandonar á súa sorte un club sen ánimo de lucro, con case un século de historia e que xestiona un equipamento público” 

O concelleiro da Marea Atlántica Alberto Lema mantivo unha xuntanza con representantes sindicais do cadro de persoal do Club do Mar de Santo Amaro para coñecer a súa situación e trasladarlles o noso apoio fronte ao ERTE que ameza con deixar sen emprego a 27 das 45 persoas que forman actualmente o cadro de persoal Segundo nos trasladan, a situación económica da entidade é delicada, debido ao déficit que supón nestes momentos a xestión da piscina municipal, na que traballan once das persoas afectadas polo ERTE. 

“Ante esta situación, reclamamos que o goberno tome medidas con carácter inmediato. Non se pode abandonar á súa sorte unha entidade sen ánimo de lucro e con case un século de actividade como é o Club do Mar. E menos cando os seus problemas derivan de xestionar un equipamento público”, sinala Alberto Lema. 

A directiva do Club do Mar denuncia que, ante a suba dos prezos da enerxía, a inflación e o descenso de persoas usuarias tras a pandemia, están a afrontar unhas perdas de 25.000 euros mensuais pola xestión da piscina climatizada, de titularidade municipal, e que dá servizo a centos de persoas en Monte Alto e Durmideiras. Un déficit ao que o goberno local promete solucións que nunca chegan a materializarse. 

Fundado en 1935, o Club do Mar de Santo Amaro é unha institución na Coruña polo seu traballo da promoción dos deportes marítimos a través das súas escolas deportivas, e polos servizos que lle presta á veciñanza. O goberno local da Coruña ten que implicarse para garantir a súa supervivencia, pero desde a Concellería de Deportes non parece haber outro interese que as fotos e os grandes eventos. 

Comentarios
A Marea Atlántica insta o goberno local a tomar medidas fronte ao enorme déficit da piscina municipal do Club do Mar