Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica leva ao pleno o compromiso de non malgastar cartos públicos coa compra de solo nos peiraos

Xan Xove: “As exposicións e os concertos son positivos e demostraron que o porto xa pode estar aberto. Agora é o momento de diversificar e democratizar os usos, hai máis propostas que Meisel e máis veciñas que Marta Ortega”
A Marea Atlántica leva ao pleno o compromiso de non malgastar cartos públicos coa compra de solo nos peiraos
Xan Xove int
Xan Xove

Rexistraremos unha moción cunha folla de ruta clara para que os peiraos interiores se integren na cidade e sexan un espazo público, motor económico e conexión entre barrios 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira municipal da formación, María García, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para anunciar a moción que levarán ao vindeiro Pleno, na que se procurará o compromiso de toda a Corporación para non malgastar fondos públicos na compra de solo nos peiraos interiores, unha operación da que por fin se desmarca o goberno local, e que non se chegou a consumar grazas a que o noso grupo fixo valer os seus votos na negociación orzamentaria. 

Na moción tamén se propón unha folla de ruta para integrar o bordo litoral na cidade. “Queremos que todos os grupos políticos amosen as súas posicións e voten dun xeito claro, para confirmar que existe unha maioría disposta a gañar o porto, que poña negro sobre branco nun acordo plenario o que se di na prensa”, asegurou Xove. 

A proposta que levará a Pleno a Marea Atlántica traza un camiño para a integración dos terreos do porto interior na cidade, que pasa pola creación dun consorcio público entre o Concello da Coruña, a Autoridade Portuaria, a Xunta e o Estado para xestionar eses espazos. “E hai que ir máis alá, toda a Corporación e toda a veciñanza deben ter espazo para colaborar na que vai ser a maior transformación urbana da Coruña neste século, e non pode quedar só en mans dun goberno en minoría”, argumenta o candidato á alcaldía. 

Xan Xove engade que, mentres se leva a cabo ese proceso, non é necesario estar de brazos cruzados ata que este proceso remate: “Debe continuar o proceso de apertura dos peiraos, con usos máis diversos, máis democratizados. O que se fixo para albergar a exposicións pode repetirse noutros lugares dos peiraos, e caben máis cousas que Meisel e Lindberg. As exposicións e os concertos son positivos e demostraron que o porto xa pode estar aberto. Agora é o momento de diversificar e democratizar os usos, hai máis propostas, e máis veciñas e veciños que Marta Ortega” 

Nesta iniciativa, tamén reclamamos a anulación dos convenios de 2004, asinados por Francisco Vázquez, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Álvarez Cascos, cunha intención especulativa que xa esta superada. “Xa ninguén defende ese modelo de vender os peiraos para construír torres de formigón, mesmo a alcaldesa dá os convenios por derrogados, pero o certo é que seguen integrados no PXOM, e todas as administracións deben chegar a un novo acordo, axeitado para A Coruña do presente e do futuro”, sinala María García. 

Benvido o PSOE ao sentido común 

María García celebrou que o goberno local asuma por fin o “sentido común” e recoñeza o evidente, “que xa se pode pasear polos peiraos, que caeu o valado da praza de Ourense e se abriu o de Entrexardíns, que caben concertos e exposicións… e que non fixo falla ningunha operación, non houbo que pagar os 300 millóns de euros da débeda portuaria, non fixo falta hipotecar a cidade. Só houbo que facelo. Era só cuestión de vontade política”. 

A nosa voceira, lembrou que “en 2021 Inés Rey estaba disposta a pagar polos peiraos o que lle pedían. Se eses 15 millóns de euros non se malgastaron nos Orzamentos 2022, foi porque a Marea Atlántica dixo claramente que non, que había mellores destinos para eses fondos. E fixemos valer os nosos votos para conseguilo”. E engadiu que “agora é o momento de pasar á seguinte fase, de facer máis no porto e de facelo mellor. De abrilo a máis usos e a máis xente. De deixar atrás o marco dos convenios de 2004 e mirar cara adiante”. 

A débeda do porto non pode hipotecar á cidade 

Finalmente, Xan Xove referiuse á débeda da Autoridade Portuaria, e volveu reclamar a condonación, como se fixo en Valencia, pero deixou claro que non é lícito pretender que eses 300 millóns hipotequen o futuro de toda A Coruña: “A débeda é do porto, non da cidade. Orixinouse coa construción dunha infraestrutura de interese xeral do Estado, e o Estado ten que resolvela”. 

O candidato á alcaldía aclarou que o contexto económico mudou, o porto exterior comeza a despegar, está garantida a conexión por tren financiada polo Estado, hai fondos europeos de recuperación… Son boas novas, e significan que o porto xa está en condicións de ocuparse da súa propia débeda.

A Marea Atlántica leva ao pleno o compromiso de non malgastar cartos públicos coa compra de solo nos peiraos