Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica levará a Pleno as demandas da ANPA do colexio Sal Lence

Xan Xove: “Pedímoslle ao goberno local que amose o seu compromiso co ensino público e cos barrios, atendendo ás reparacións que o Sal Lence precisa”
A Marea Atlántica levará a Pleno as demandas da ANPA do colexio Sal Lence
23_02_08_ReuniónSalLence
Reunión Marea con colexio Sal Lence

O centro ten pingueiras e carece de liña de vida para reparar o tellado, mentres o comedor non conta con saída de emerxencia, entre outras cuestións que levan tempo desatendidas 

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno do Concello, no mes de marzo, as numerosas necesidades de mantemento e melloras do colexio público Sal Lence, tal e como trasladou a ANPA do centro na reunión que mantiveron nos últimos días co noso candidato á Alcaldía, Xan Xove, e a concelleira Silvia Cameán. “Pedímoslle ao goberno de Inés Rey, e ao concelleiro de Educación en particular, que amose o seu compromiso co ensino público e cos barrios da Coruña atendendo estas demandas que se resiste a escoitar”, sinala Xove. 

As instalacións do colexio, situado no barrio dos Castros, acumulan unha grave falta de mantemento, comezando polas pingueiras, tanto no propio centro coma no ximnasio, que non se poden reparar debido á falta dunha liña de vida que garanta a seguridade durante os traballos no tellado. A cuberta do patio tamén está afectada por filtracións, que fan imposible xogar no exterior cando chove. 

Do mesmo xeito e preciso ampliar o comedor, que non ten espazo para satisfacer a demanda actual, e dotalo dunha saída de emerxencia, da que carece, co risco de seguridade que iso implica. Desde a ANPA tamén esixen unha reforma dos baños, e unha revisión das instalacións de electricidade e fontanería, do mesmo xeito que se está a facer noutros colexios da Coruña. 

Máis seguridade no centro e calmado do tránsito 

Finalmente, reclaman elementos de seguridade nas escaleiras de acceso ao patio exterior, “xa que calquera menor que se suba pode caer dende unha altura de 2,5 metros”, e a instalación dun paso de peóns elevado na rúa Buenavista, para pacificar o tráfico e reducir o risco de atropelos. “Todas estas tarefas de mantemento entran dentro das competencias do Concello da Coruña, que non debería ignoralas por máis tempo”, conclúe a concelleira Silvia Caméan. 

A Marea Atlántica levará a Pleno as demandas da ANPA do colexio Sal Lence