Políticas de benestar animal

A Marea Atlántica e Libera manteñen un encontro

Durante a xuntanza, fíxose balance dos avances conseguidos nos últimos anos e recolléronse ideas para incorporar ao programa electoral de 2019

A Marea Atlántica e Libera manteñen un encontro
07_XuntanzaLibera
Xuntanza de Libera coa Marea Atlántica

7 de xaneiro de 2019.- Leonardo Anselmi, director da Fundación Franz Weber; Irene Torres, avogada especialista en Dereitos Animais, e Rubén Pérez, coordinador en Galicia da Asociación Animalista Libera, mantiveron hoxe un encontro con Sabela Pérez e Adrián García, integrantes da Coordinadora da Marea Atlántica, para analizar as políticas de benestar animal desenvolvidas na Coruña e identificar os retos pendentes.

O encontro serviu para recoller ideas e propostas que se traducirán no programa electoral da Marea Atlántica para 2019, e que servirán para continuar a expandir os avances conseguidos nos últimos anos. É un exemplo de como a colaboración co asociacionismo cidadán enriquece e abre novas perspectivas na configuración das políticas públicas.

Avances nos dereitos dos animais

Ademais, a reunión incluíu un balance dos fitos conseguidos na Coruña a prol dos dereitos animais, e que recibiron recoñecementos como o Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber ou o galardón do V Seminario Sobre Xestión Policial da Diversidade.

Nos últimos anos, declarouse A Coruña como Concello Libre de Maltrato Animal, e retiróuselle o apoio ás touradas, sostidas antes con fondos públicos. Revitalizouse a Patrulla Verde, unha unidade da Policía Local que se encarga, especialmente, de velar pola convivencia entre persoas e animais, e que está especialmente atenta a calquera caso de maltrato animal. Tampouco se exhiben xa animais en gaiolas (como estaban na paxareira de San Diego ou os parrulos de Santa Margarida), e foméntase actividades educativas e o coñecemento de animais en liberdade.

Tamén se melloraron as áreas caninas da cidade, coa creación de tres novas (Eirís, Bens e a zona de convivencia de Visma), ampliáronse as instalacións do refuxio municipal para animais, fomentáronse as adopcións (pasando de 201 en 2015 a 336 en 2017), habilitouse un servizo 24h de recollida de aves feridas, e creouse un plan para o control das colonias felinas, en colaboración cos colectivos animalistas, que aínda ten espazo para seguir medrando e mellorando nos vindeiros anos.

A Marea Atlántica e Libera manteñen un encontro