Eleccións municipais | Marea Atlántica

A Marea Atlántica porá en marcha no vindeiro mandato un programa especial de axudas ao alugueiro para menores de 30 anos

O alcalde, Xulio Ferreiro, repasou esta mañá, co estudantado da Facultade de Dereito da UDC, as medidas comprendidas no seu programa de goberno encamiñadas a favorecer “que as persoas que se forman na Universidade da Coruña permanezan na cidade”

A Marea Atlántica porá en marcha no vindeiro mandato un programa especial de axudas ao alugueiro para menores de 30 anos
Xulio Ferreiro con estudantado da Facultade de Dereito
Xulio Ferreiro con estudantado da Facultade de Dereito

A Coruña, 7 de maio de 2019.- O alcalde e candidato á reelección pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, mantivo hoxe un almorzo cun grupo de estudantes da Facultade de Dereito da UDC, no Campus de Elviña, onde manifestou a súa intención de manter e ampliar a senda de colaboración entre Concello e Universidade da Coruña desenvolvida ao longo deste mandato. “Temos que continuar apostando pola innovación, tal e como fixemos estes últimos catro anos, e temos que facelo da man da universidade, desenvolvendo ese proxecto da Cidade das TIC que estamos a impulsar, e poñendo en marcha medidas e actuacións que favorezan a transformación da cidade da Coruña que está a demandar a mocidade, con máis espazos verdes, máis respecto ao medio ambiente e máis accesibilidade”, dixo.

“A diferenza doutras formacións, nós estamos a definir un modelo de cidade que se basea en actuacións tanto na perspectiva metropolitana, como na creación dunha cidade máis próxima e respectuosa co medio ambiente e a aposta por un necesario cambio de modelo económico, que aposte pola innovación e que sexa sostible, tanto no social como tamén no ambiental, para o cal é necesario reforzar as sinerxías coa universidade”, explicou, á vez que reivindicou que o goberno da Marea “foi, sen dúbida, o que máis apostou pola colaboración coa Universidade, coa que desenvolveu proxectos conxuntos que axudan a construír cidade, como o InnovaCM ou as cátedras en memoria histórica e investigación, nunha liña que entronca co traballo que está a realizar a UDC, a través de iniciativas como o Campus de Sostibilidade ou o Campus de Innovación”.

“Un estudantado de calidade é o maior capital humano que pode ter unha cidade. Eses mozos e mozas deben ter ferramentas e ofertas que fagan que, unha vez rematada a súa formación, queden nesta cidade, contribuíndo, polo tanto, ao seu progreso”, dixo o rexedor, que indicou que un dos principais problemas cos que se atopa a xuventude radica nas dificultades para poder emanciparse. “Por iso, o programa de goberno da Marea Atlántica para os próximos catro anos contén distintas medidas encamiñadas a facilitar o acceso a unha vivenda digna aos colectivos máis febles, entendendo a xuventude como un deles”, dixo Xulio, que destacou a posta en marcha de axudas ao aluguer para menores de 30 anos.

“Fronte á suba do prezo do aluguer, a Marea Atlántica quere desenvolver unha forte aposta polo acceso universal á vivenda por parte de todas as persoas e, para iso, crearemos medidas específicas para a mocidade, así como un programa baseado en axudas para sufragar os arrendamentos”, explicou o alcalde, que tamén recordou que a Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa) está a tramitar outro ambicioso proxecto, un Banco de Vivendas de Aluguer, destinado, do mesmo xeito, a colectivos con maiores dificultades de acceso.

No marco da charla, Ferreiro tamén chamou a atención sobre a ampliación do carril bici iniciada este mandato, algo que abre a porta a un novo modelo de mobilidade na cidade que, ademais, ten especial incidencia entre a mocidade e o colectivo de persoas universitarias. “O vindeiro mandato, volveremos duplicar a rede de carril bici, dos 35 quilómetros actuais até os 60 km. Ademais, incrementaremos o servizo de bicicleta pública, BiciCoruña, das 23 estacións que ten hoxe até as 50, introducindo a bicicleta eléctrica na flota, que ademais ampliará os seus horarios”, explicou o primeiro edil coruñés, que tamén recordou o traballo que está a levar a cabo a Marea Atlántica para favorecer a modificación da Ordenanza Municipal de Transportes. “A actualización do regulamento permitirá, entre outras cousas incorporar o transporte de bicicletas nos autobuses”, subliñou.

Por outro lado, e tamén no ámbito da mobilidade, o alcalde manifestou que durante o vindeiro mandato, a Marea Atlántica continuará habilitando novas tarifas do bus urbano, despois da baixada aplicada este ano no billete do bus, a primeira que se fai na cidade. “Crearemos novos perfís para menores de 26 anos e maiores de 65, así como outros para persoas en situación de vulnerabilidade e con diversidade funcional”, adiantou.

Equipamentos para a mocidade

Outros dos retos que se marcou a formación municipalista para os próximos catro anos pasan por compensar o déficit de espazos adicados a mocidade que ten a cidade e que nunca foi abordado polos anteriores gobernos. “Afortunadamente, abriremos o espazo das Naves do Metrosidero, na Cidade Vella, e seguiremos ampliando a rede de espazos de uso cidadán TEU, como son o Faro de Oza e os locais de Novo Mesoiro, para ampliala por outros punto da cidade”, avanzou. “É a nosa obriga habilitar espazos que conxuguen lecer co coidado do patrimonio. Sen ir máis lonxe, temos en marcha un proxecto para crear un parque metropolitano aberto no Castro de Elviña, un espazo que é unha xoia menos coñecida do que se debera e no que, por suposto, non perdemos de vista a protección do xacemento, xa que imos poñer en marcha un ámbito de recepción de visitantes, así como mellorar os seus accesos”, comentou.

A Marea Atlántica porá en marcha no vindeiro mandato un programa especial de axudas ao alugueiro para menores de 30 anos