Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica presenta alegacións á Modificación Puntual do PXOM nas Xubias

A redución da edificabilidade que recolle a avaliación ambiental inicial é insuficiente na zona de Estaleiros Valiña e da antiga discoteca Pachá, ao permitir a construción de edificios de vivendas sobre o litoral cun enorme impacto paisaxístico
A Marea Atlántica presenta alegacións á Modificación Puntual do PXOM nas Xubias

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou a pasada semana ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda as súas alegacións ao Documento Ambiental da modificación puntual no PXOM para o ámbito da Ría do Burgo. 

O dito informe ambiental, aínda que propón unha redución da edificabilidade no bordo litoral da cidade na Ría do Burgo, que vai dende a Praia de Oza ata o límite do Concello da Coruña co de Culleredo, non é suficiente, sobre todo na zona de Estaleiros Valiña e do edificio da antiga discoteca Pachá. A redución proposta de 0,72 m2/m2 a 0,27 m2/m2 permite edificar un volume esaxerado de vivendas enriba do bordo litoral que terá un enorme impacto visual e paisaxístico. En concreto, nesta zona a edificabilidade só baixaría de 111 a 81 vivendas. 

Como sinala a voceira da Marea Atlántica, María García, “a teima de construír novos mamotretos de vivendas como tamén nas Percebeiras, no Portiño, ou na Agra de Santo Amaro segue respondendo a unha estimación de crecemento de poboación desproporcionado e obviando as case 20.000 vivendas baleiras que hai para rehabilitar na Coruña. Non ten sentido ningún, alén de enriquecer a construtoras e inmobiliarias”. E continua: “Toda a contorna das Xubias é das escasísimas zonas que quedan na cidade libres da voracidade do cemento e o que precisa é que se fomenten máis equipamentos públicos e zonas verdes de lecer para toda a veciñanza”. 

As mesmas premisas ás que se refire a avaliación inicial ambiental son incoherentes coa ordenación que propón 

A avaliación ambiental estratéxica recolle como principais criterios, ademais do tempo transcorrido sen desenvolver o solo urbano non consolidado dende a modificación puntual do PXOM de 2008 ou a superación de prazos para o cumprimento dos deberes urbanísticos, outros de índole ambiental e sostibilidade que incumpre ao permitir esa edificabilidade. 

Así, é incoherente coa aplicación das disposicións recollidas na Estratexia de Adaptación ao Cambio climático da Costa de España, coas recomendacións da “Nova Axenda Urbana” (Habitat III) que propón un desenvolvemento urbano resiliente e sostible, e cos propios obxectivos de dar continuidade ao traballo do Concello no ordenamento da fachada marítimo-portuaria. 

“Segundo o propio informe é incoherente permitir esa edificabilidade nas Xubias. Aínda reducindo de 111 a 81 vivendas é insuficiente. O impacto dos bloques será notable e non está xustificado esta ocupación residencial atendendo aconsideracións ambientais, paisaxísticas, culturais e mesmo patrimoniais, se temos en conta o pequeno núcleo rural que aínda segue alí”, apunta María García. 

Cómpre realizar unha avaliación ambiental completa 

Nas alegacións presentadas ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a Marea Atlántica solicita unha avaliación ambiental ordinaria fixando a súa posición nas seguintes observacións: 

  • A proposta é contraria á mitigación e adaptación ao cambio climático. 
  • O aumento de vivendas non está xustificado, cando erraron todas a previsións de crecemento de poboación ou hai case 20.000 vivendas baleiras para rehabilitar na Coruña. 
  • Incumpre tamén cos criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible, colisionando coas políticas e obxectivos que establece o Concello da Coruña: Estratexia EIDUS, Estratexia de Cambio Climático 2014-2020 e a Axenda Urbana 2030 

E remata María García: “Hai xa tempo que a veciñanza demanda máis espazos libres para o lecer ao aire libre e a convivencia; máis dende a emerxencia sanitaria da COVID-19. Malia a redución proposta para as Xubias, con esta modificación tampouco se atenderá ao rexeitamento histórico por parte das asociacións cívicas do barrio de Oza, A Gaiteira e Os Castros. Basta xa de proxectos anacrónicos baseados nos pelotazos urbanísticos e moi lonxe dun dsenvolvemento urbano sostible”. 

A Marea Atlántica presenta alegacións á Modificación Puntual do PXOM nas Xubias