Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica propón a creación de aparcamentos para bicis en baixos comerciais sen uso

Levamos ao Pleno unha moción con medidas para fomentar o uso da bicicleta, como reclamarlle á Renfe que permita levar máis de tres bicis por tren 

A Marea Atlántica propón a creación de aparcamentos para bicis en baixos comerciais sen uso

É preciso reforzar o servizo de Bicicoruña, con ampliación de horarios, bicicletas eléctricas, novas estacións nos barrios e uns prezos ao alcance da maioría da veciñanza


O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno do mes de abril, este xoves día 7, unha moción con varias medidas para fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible.  Entre elas, a recuperación de baixos comerciais baleiros para empregalos como aparcadoiros de bicis, o reforzo do servizo de Bicicoruña e a reclamación á Renfe de que permita transportar máis de tres bicis no mesmo tren

Así, suxerimos que unha parte dos 3 millóns de euros reservados no Orzamento 2022 para o programa Mover os baixos sexan empregadas para crear unha rede de espazos para aparcar bicicletas, unha demanda reiterada dos colectivos ciclistas. Así, este programa impulsado pola Marea Atlántica e acordado do goberno municipal, pode servir para minimizar a ocupación do espazo público nunha cidade como A Coruña, con moi alta densidade de poboación, e para recuperar locais baleiros, foco de deterioro e conflito nos barrios. 

Recollemos, ademais, a demanda de colectivos coma Mobi-Liza, Ecoloxistas en Acción ou Greenpeace, que están a desenvolver unha campaña para esixirlle á Renfe que cumpra a súa propia a propaganda e facilite de verdade o transporte de bicicletas nos trens. Os rexionais e Media Distancia,  maioritarios en Galicia,  só permiten tres bicicletas por traxecto, independentemente do número de persoas que viaxen. Trátase dunha barreira absurda para multitude de usuarias da bicicleta que se desprazan a diario entre cidades do Eixo Atlántico para traballar e estudar.

Finalmente, pedímoslle ao executivo municipal que coide o servizo de préstamo público de bicicletas Bicicoruña. Debe estudarse estudarse a ampliación de horarios (sobre todo pola noite e nas fins de semana, para adaptarse aos hábitos da mocidade); implantarse as prometidas bicicletas eléctricas que farán máis accesible o servizo e crearse as novas estacións pendentes en barrios coma Novo Mesoiro. E debe, en todo caso, manterse o prezo de Bicicoruña nuns límites asumibles pola maioría da veciñanza.

Como sinala María García, voceira municipal da Marea Atlántica, “a transformación progresiva das cidades cara unha mobilidade alternativa ao coche privado é hoxe unha obriga ineludible, e a bici xoga un papel importante nese proceso”. Nas últimas semanas está a quedar especialmente claro, pois fíxose realidade unha condición da que os discursos teóricos levan tempo advertindo: o encarecemento vertixinoso dos combustibles fósiles.

Comentarios
A Marea Atlántica propón a creación de aparcamentos para bicis en baixos comerciais sen uso