Bordo litoral

A Marea Atlántica propón un Pacto contra a Débeda do porto

O 96% dos ingresos financeiros de Puertos del Estado veñen da Autoridade Portuaria da Coruña. En 9 anos, pagou 40 millóns de euros únicamente de intereses

María García: “Ningunha outra cidade ve hipotecado o seu bordo litoral para que o Estado gañe cartos cobrándose un préstamo a si mesmo. O único realista é condonar a débeda”

A Marea Atlántica propón un Pacto contra a Débeda do porto
20_!2_15_MaríaGarcia
20_!2_15_MaríaGarcia

A voceira municipal da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, María García, instou hoxe á alcaldesa Inés Rey a propoñerlle a todas as administracións un Pacto contra a Débeda da Autoridade Portuaria. “Non é realista manter esta situación financeira se queremos que a cidade sexa mar, e o porto sexa un motor económico e produtivo. O único realista é condonar a débeda. Non ten lóxica nin ética que o xogo do Estado por gañar plusvalías cobrándose intereses a si mesmo nos obrigue a vender os peiraos da Coruña”, sinalou a concelleira.

García trasladou a nosa preocupación polas últimas declaracións tanto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como do novo presidente da APAC, Martín Fernández Prado. “Feijóo chegou a dicir que non será posible revisar os convenios de 2004, que prevén encher os peiraos de pisos e centros comerciais, se non se garante a estabilidade financeira da APAC. Unha estabilidade financeira moi comprometida pola débeda que a APAC contraeu para construír o porto exterior. Din que pagar a débeda é realismo, pero é unha renuncia”, afirmou María García.

Unha débeda fondamente inxusta

A análise da débeda amosa o inxusta que é. “O maior acredor da Autoridade Portuaria, un ente do Estado, é Puertos del Estado, outro ente do Estado cun préstamo de 200 millóns de euros. Desde 2011, o porto da Coruña xa pagou 40 millóns de euros só en intereses. En todo ese tempo, a débeda segue a ser de 200 millóns que haberá que comezar a pagar en 2021. É unha situación excepcional, que non padecen outras cidades. En 2019, os pagos do préstamo coruñés foron de 3,5 millóns de euros, o 96% dos ingresos financeiros de Puertos del Estado. Non hai outras cidades que aturen semellante débeda. En Valencia, como sabemos, condonouse a pesar de ser o dobre de grande, un total de 400 millóns.

“Se fose unha banca privada a que establece este tipo de esixencias, pareceríannos inaceptables. Mais o realmente indignante é que se trata dunha Administración Pública, que se financia doutra Administración Pública causándolle un enorme prexuizo a toda unha cidade”, argumentou a nosa portavoz.

Por todo isto, a Marea Atlántica considera que o “realista” non é asumir una débeda que raia na usura e hipotecar o futuro do bordo litoral da Coruña: da cidade, e mais do Porto, entendido coma pulmón económico nunha época de desmantelamento da industria. O único realista é a condonación, como se fixo en Valencia. En palabras de María García, “xogar a vender terreos ao sector inmobiliario é pan para hoxe e fame para mañá. Solucionar a débeda vía condonación, axuda ou investimento equivalente é o único camiño, como se vai facer en Valencia, cunha débeda que duplica á coruñesa”.

Menos ladrillo, máis economía azul

Na Comisión Especial do Borde Litoral, que se celebra mañá, 16 de decembro, desde as 10.30 horas, darare a coñecer a proposta da UDC para a zona 2 dos peiraos interiores: San Diego, Petroleiro, estación de mercadorías. Agardaremos que manteña os consensos dos últimos anos e que non renuncie aos usos produtivos nos peiraos.

Na Comisión, María García trasladará a idea do Pacto contra a Débeda e defenderá os consensos que renovou o Pleno o pasado 3 de decembro, cando aprobou por unanimidade unha moción da Marea Atlántica: condonación da débeda, financiamento da conexión ferroviaria con Punta Langosteira, uso e titularidade pública dos peiraos, e participación da veciñanza no deseño futuro do bordo litoral. As mesmas ideas de defenderon nas rúas milleiros de persoas.

Finalmente, a nosa portavoz sinalou que “é un erro pensar que o cemento e o ladrillo son as únicas formas de crear riqueza. Toda Europa está a apostar pola economía azul, por aproveitar os recursos naturais sen sobreexplotalos. E aquí temos unha magnífica oportunidade para facelo coa pesca e a investigación mariña. Ese é o modelo de futuro, non as promocións inmobiliarias”.

A Marea Atlántica propón un Pacto contra a Débeda do porto