Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que divulgue o estudo no que o Instituto Cornide recomenda retirarlle as honras a Barrié ou Peñamaría de Llano

"Levaremos ao Pleno de decembro unha moción esixindo que se cumpra o que recomenda o informe: quitar do rueiro estes e outros nomes que colaboraron con franquismo "

 

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que divulgue o estudo no que o Instituto Cornide recomenda retirarlle as honras a Barrié ou Peñamaría de Llano
Consello da memoria
Consello da Memoria Democrática

A presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide, realizada por fin, non pode ser o único traballo na Área de Memoria Histórica. Segue pendente o seu reforzo orzamentario, pactado coa Marea 

A Marea Atlántica esixiu hoxe, durante a celebración do Consello da Memoria Democrática do Concello da Coruña, que o goberno local divulgue o estudo do Instituto Cornide que recomenda a retirada de honras a Pedro Barrié de la Maza ou Sergio Peñamaría de Llano, entre outras figuras estreitamente relacionadas co franquismo e a represión. É necesario para continuar aplicándolle a Lei de Memoria Histórica ao rueiro coruñés. Tamén levaremos a Pleno unha iniciativa para esixir que se cumpra este ditame. 

O informe, encargado polo propio Consello da Memoria Democrática a finais de 2019, foille entregado ao goberno en novembro de 2020, pero Inés Rey mantívoo oculto ata que Radio Coruña fixo pública a súa existencia. O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, manifestou o seu “malestar” e esixiu ao goberno municipal, non só explicacións, senón un cambio de actitude a este respecto. "Recollemos o sentir expresado hoxe polo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), Fernando Souto, na xuntanza do Consello: a sociedade está madura, fagamos a nosa parte do traballo e iniciemos os trámites precisos para cumprir co que o informe di". 

Martínez insistiu na necesidade de divulgar as conclusións do informe do Instituto Cornide, pois “a veciñanza da Coruña merece coñecer a colaboración coa ditadura dalgunhas figuras locais moi relevantes, que non poden agocharse tras etiquetas de filantropía”. Esta participación no franquismo chega, nalgún caso coma o de Sergio Peñamaría de Llano, á implicación directa na represión. O exalcalde foi un destacado falanxista e a súa actividade violenta está documentada. Pese a isto, o PSOE votou xa no último Pleno en contra de retirarlle as honras, tal e como pedía o Concello do Barco de Valdeorras, por unanimidade da súa Corporación. 

Coa Marea Atlántica cumpríase a Lei de Memoria Histórica 

Durante o mandato de Xulio Ferreiro, A Coruña comezou a saldar as súas débedas coa Memoria Histórica e o cumprimento da lei. Elimináronse das rúas e prazas da cidade nomes manchados de sangue, coma os de Millán Astray, Juan Canalejo ou a División Azul. Tamén se creou, en 2018, o Consello da Memoria Democrática, que hoxe volveu reunirse tras un longo período de inactividade e púxose en funcionamento a primeira Oficina das Vítimas do Franquismo operativa en Galicia. Inaugurada en novembro de 2018, a pesar de que o PSOE intente agora atribuirse a súa creación para disimular a súa falta de iniciativa na Área de Memoria Histórica. 

Celebramos, en todo caso, que por fin se anuncie a presentación dunha demanda para recuperar a Casa Cornide, espoliada pola familia Franco coa colaboración de Barrié e Peñamaría de Llano. Séguese a liña marcada no Pazo de Meirás polo goberno de Sada, aínda que con demora. 

Cómpre lembrar, ademais, que o acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para o Orzamento 2020 incluía un punto para dotar á área de Memoria Histórica de 110.000 euros ese ano, co compromiso de ampliar a consignación ata chegar aos 450.000 euros ao final do mandato. Un compromiso que non se cumpriu.

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que divulgue o estudo no que o Instituto Cornide recomenda retirarlle as honras a Barrié ou Peñamaría de Llano