Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reúnese coa veciñanza de Feáns para reclamar os proxectos pendentes no barrio

María García: “Os grandes proxectos de Inés Rey céntranse nos Cantóns, pero o abandono dos núcleos tradicionais como Feáns faise cada día máis evidente”

A Marea Atlántica reúnese coa veciñanza de Feáns para reclamar os proxectos pendentes no barrio
21_03_17_FeansVisita2
Claudia Delso e María García visitan Feáns

Os acordos incluídos nos Orzamentos 2020 seguen sen cumprirse: Nin reforma do centro cívico, nin avances no Bosque de Breogán e a reurbanización do Camiño de Campos

A Coruña, 17 de marzo de 2021.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso visitaron hoxe Feáns e mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación veciñal, para escoitar as súas demandas e comprobar a absoluta falta de avances nos proxectos pendentes no barrio. En palabras de María García, “os grandes proxectos de Inés Rey céntranse nos Cantóns, pero o abandono dos núcleos tradicionais como Feáns faise cada día máis evidente”.

Deste xeito, as nosas concelleiras puideron constatar o alto grao de incumprimento dos proxectos para Feáns incluídos no pacto entre a Marea Atlántica e o PSOE para facer posible a aprobación dos Orzamentos 2020. Nin se levaron a cabo as obras de mellora do centro cívico, adquirindo algunha das parcelas anexas para ampliar a zona verde. Non se reurbanizou o Camiño de Campos, moi usado pola veciñanza e, a pesar das promesas, non se ven avances na creación do Bosque de Breogán, un espazo natural autóctono.

Outros proxectos herdados do mandato anterior seguen tamén no caixón, como a recuperación da senda fluvial do río Feáns, unha iniciativa de naturalización dentro dos Sendeiros da Coruña, que precisamente conectaría o Bosque de Breogán co río Mesoiro, Elviña e o seu castro e os barrios de Novo Mesoiro e Feáns.

Demandas veciñais

A asociación veciñal de Feáns trasladounos, ademais, a necesidade de dotar á escola dun patio cuberto, dobremente importante nestes momentos de pandemia, para que o alumnado poida estar ao aire libre incluso con choiva. Reclaman, do mesmo xeito, amañar o Camiño da Agüieira, hoxe moi deteriorado, e que se realice o mantemento do antigo lavadoiro e o río. Lembramos, ademais, que un proxecto dos Orzamentos Participativos para mellorar os servizos das zonas rurais da Coruña fica aínda sen executar.

O vindeiro martes, a Marea Atlántica manterá unha xuntanza coa AVV da Urbanización Breogán, para coñecer tamén as súas necesidades. Pedímoslle a Inés Rey que cumpra a súa palabra e execute os fondos e os proxectos pendentes para Feáns e outros núcleos tradicionais como Palavea, Mesoiro Vello, Bens ou a Zapateira.

Comentarios
A Marea Atlántica reúnese coa veciñanza de Feáns para reclamar os proxectos pendentes no barrio