Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “A manifestación en defensa do porto foi un éxito e demostra que o horizonte litoral que impulsamos no pasado mandato segue vivo”

Convocaremos a Comisión do Bordo Litoral nos vindeiros días, para escoitar a todos os grupos municipais e debater antes de que a alcaldesa peche acordos de despacho con Xunta e Estado

María García: “A manifestación en defensa do porto foi un éxito e demostra que o horizonte litoral que impulsamos no pasado mandato segue vivo”
20210530_122652 (1)
Manifestación en defensa do porto da Coruña

O desprezo que o goberno de Inés Rey amosa pola mobilización cidadá é moi grave, dándolle as costas á mesma veciñanza que fixo posible tumbar os convenios do pelotazo de 2004: “Prefire unha cidade sen xente, mansa coma unha maqueta”

A Coruña, 31 de maio de 2021.- A Marea Atlántica valora coma un éxito a manifestación en defensa do porto contra a especulación, convocada pola Comisión en Defensa do Común (Cadeco) co apoio de 60 entidades, e que reuniu a milleiros de persoas este 30 de maio. A nosa voceira, María García, cualificouna como “unha mostra de que a Coruña rebelde, democrática e plural está disposta a unirse por uns peiraos públicos e abertos á cidade, para esixir o mesmo trato que tivo Valencia coa condonación da débeda, para que non nos rouben o porto. O horizonte litoral que impulsamos no pasado mandato segue vivo e vixente”.

Para escoitar todas as opinións, algo que non fai a alcaldesa, García anunciou que a semana que vén convocará á Comisión Especial do Bordo Litoral, organismo que preside: “Queremos coñecer a postura de todos os grupos e debater antes de que Inés Rey volva encerrarse nun despacho coa Xunta e Estado, onde sempre se lle esquece ese diálogo que tanto invoca. Tamén esiximos que o goberno presente a documentación que está a levar a estas xuntanzas interadministrativas, que xa nos denegou en varias ocasións”.

A concelleira agradeceu o traballo de Cadeco e de todas as persoas voluntarias que fixeron posible a mobilización, que transcorreu de xeito exemplar e sen incidencias. Foi, seguramente, a convocatoria máis concorrida desde a pandemia, e desenvolveuse dun xeito exemplar. Ducias de organizacións cidadás, políticas e sindicais demostraron que traballan xuntas en defensa do común.

En contraste, só queda lamentar a actitude do goberno municipal, ausente na mobilización cidadá e empeñado en desprezala a través das declaracións do seu portavoz e de destacados cargos do executivo. “Xulio Ferreiro apoiou a manifestación de 2017 desde a alcaldía, e volveu estar presente onte. Inés Rey evitou se queira votar a favor dunha moción que chamaba a mobilizarse. É grave, e demostra que non lle gusta a Coruña de verdade. Prefire unha cidade sen xente, mansa coma unha maqueta”.

Neste punto, o PP e o PSOE da Coruña están no mesmo barco, o que prefire falar con promotores inmobiliarios antes que coa cidadanía organizada. Esquecen que foi esa mesma cidadanía, co apoio do goberno da Marea Atlántica, a que puxo en cuestión o pelotazo debuxado nos convenios de 2004 —asinados por PP e PSOE— e fixo posible que agora se abra outro futuro para os peiraos interiores que o de albergar vivendas de luxo e centros comerciais.

“Xulio Ferreiro apoiou a manifestación de 2017 cun bando no que trazaba en poucas palabras un novo horizonte litoral para A Coruña. Ese horizonte segue en pé, vivo e vixente. Foi o mesmo polo que onte se mobilizou a xente tras un ano durísimo de confinamento: condonación da débeda, titularidade e xestión pública para os peiraos, defensa da pesca e as economías do mar, e usos que beneficien a toda a cidade nos espazos que queden libres, con zonas verdes, equipamentos e mobilidade”, resumiu María García.

Por iso, a nosa portavoz pediulle á alcaldesa que tome nota de que “esta cidade non vai volver tragar con calquera cousa que debuxen nun plano dentro dun despacho”, e prometeu que a Marea Atlántica tomará exemplo e será incansable, na rúa e nas institucións, en defensa do porto.

María García: “A manifestación en defensa do porto foi un éxito e demostra que o horizonte litoral que impulsamos no pasado mandato segue vivo”