BNG | nota de prensa

Pontón denuncia a exclusión de miles de galegos e galegas maiores dos servizos bancarios

Propón impulsar dende o Goberno da Xunta unha negociación con todas as institucións, organizacións sociais e de consumidoras para esixir o cese deste tipo de prácticas abusivas

Pontón denuncia a exclusión de miles de galegos e galegas maiores dos servizos bancarios
EXCLUSIÓN FINANCEIRA_1
EXCLUSIÓN FINANCEIRA_1

Lembra que moitas destas persoas maiores pagaron cos seus cartos o rescate bancario con 90.000 millóns de euros e afirma que a política de Feixóo de subvencionar os caixeiros produce “un efecto chamada” para seguir pechando oficinas, “189 no ultimo ano en Galiza”

Santiago de Compostela, 7 de febreiro, 2022.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou a exclusión de miles de galegos e galenas no aceso a servizos bancarios. Nun acto, fronte aos caixeiros da central de ABANCA, na Coruña e acompañada dun grupo de persoas maiores, Pontón recalcou que a exclusión financeira de miles de cidadáns en Galiza “ten dúas caras”, por unha banda, no medio rural dende xa non poden acudir a ningunha oficina bancaria e para todas esas persoas para que as novas tecnoloxías estanse a converter nunha carreira de obstáculos.

Por outra parte, subliñou que a exclusión financeira tamén amosa outras caras, “peches de oficinas, encarecemento do cobro por acceder á conta bancaria, realizar transferencias ou xestionar os seus aforros”. Esta exclusión, recalcou, afecta máis gravemente ás persoas maiores ante a posta en marcha de novas tecnoloxías que supoñen outro atranco cando carecen dun teléfono móbil intelixente ou conexión a internet o ben, non teñen ou non saben utilizar un ordenador para pagar un recibo, facer unha transferencia ou simplemente controlar o estado das súas contas.

Para a nacionalista, “o sistema bancario maltrata as persoas maiores no noso país” e faino unha banca que foi rescatada por todos e todas nós, incluídos cos cartos desas persoas maiores, “máis de 90.000 de euros para recatar unha banca que agora os devolve en forma de exclusión financeira”.

Non podemos tolerar, dixo, que as persoas maiores teñan a obriga de adaptarse ao bancos, “son os bancos os que deben adaptarse as necesidades dos nosos e nosas maiores” que merecen un trato humanizado e de calidade. Este, reiterou, “é un abuso que hai que denunciar”.

A portavoz nacionalista considerou que este abuso non se parará mentres continúe a política do goberno de Feixoo, unha política que respondeu ante a exclusión financeira, “beneficiando con 3 M€ a unha entidade bancaria para instalar caixeiros onde existía unha oficina”. Ao seu xuízo, o que realmente persegue esta medida é “ un efecto chamada para que a banca siga pechando oficinas”.

Dende o BNG queremos denunciar que tras o rescate á banca foron pechadas miles de oficinas e destruídos máis de 5.000 postos de traballo e dende o ano 2009 ao ano 2019 foron pechadas en Galiza máis de 1.200 oficinas. No ultimo ano, engadiu, o peche de oficinas afectou a 189 situándonos na terceira comunidade de todo o estado na que máis oficinas bancarias foron pechadas.

“A Xunta de Galiza non pode seguir regalándolle máis cartos ás entidades bancarias, debe defender os dereitos das persoas e particularmente ás maiores que viven unha situación de maior vulnerabilidade” en moitos casos, pola falta de instrumentos para utilizar as novas tecnoloxías.

Para a portavoz do BNG urxe que a Xunta lidere unha fronte coas organizacións sindicais e sociais, xunto ás asociacións de consumidores para “frear os abusos da banca” e pola parte das entidades bancarias ofrecer un trato humanizado e todos os recursos que precisan. De todos xeitos, dixo, non chega só coa boa vontade, “hai que modificar as leis” para protexer os dereitos das persoas usuarias da banca garantindo o acceso aos servizos sen discriminación, acompañando as reformas dunha iniciativa social para recuperar a “capilaridade do sistema bancario no nos país” recuperando as oficinas pechadas e restituíndo os servizos.

A nacionalista apostou “por unha banca pública galega” para poñer no centro a cidadanía e non “a usura” evitando que unha parte do aforro galego marcha para fóra do noso país. “Cada ano emigran 20 mil millóns de euros de aforro galego”, recursos que deben reverter en Galiza cunha visión de servizo público que debe ser unha obriga para a banca, sentenciou.

Pontón afirmou que resulta urxente acabar con calquera tipo de “abuso bancario” como o cobro de comisións, limitación de horarios ou servizos básicos aos clientes e neste sentido, propuxo impulsar en colaboración co goberno central, concellos e consumidores medidas conducentes a rematar coa exclusión financeira.

Pontón denuncia a exclusión de miles de galegos e galegas maiores dos servizos bancarios