BNG | nota de prensa

No primeiro dos actos “fío directo co BNG”, Jorquera avanza que o Bloque quere ser “a ferramenta de todas as coruñesas e coruñeses que lle queren imprimir un cambio de rumbo á cidade”

Vaise realizar esta tarde ás 19.30 na Fundación Luís Seoane

No primeiro dos actos “fío directo co BNG”, Jorquera avanza que o Bloque quere ser “a ferramenta de todas as coruñesas e coruñeses que lle queren imprimir un cambio de rumbo á cidade”

A Coruña, a 22 de xuño de 2023. O patio interior da Fundación Luís Seoane vai ser o escenario que acolla esta tarde o primeiro dos encontros abertos á veciñanza que o BNG da Coruña vai realizar, durante os próximos catro anos no Concello, baixo o lema xenérico de Fío Directo co BNG.

“Queremos ofrecer a visión do BNG sobre como se desenvolveu o proceso de diálogo que conduciu ao Acordo de Investidura e queremos tamén falar do rol que o Bloque aspira a xogar no Concello nos vindeiros 4 anos”, avanza o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera.

“Trátase dun acto aberto á cidadanía, un acto para as persoas asistentes teren a oportunidade de expresaren as súas opinións e suxestións, a oportunidade tamén de formular as súas preguntas”, acrecentou.

“Imos ter unha interlocución permanente coas veciñas e veciños para render contas do noso traballo, escoitar propostas e ofrecernos como ferramenta para todas as coruñesas e coruñeses que lle queiran imprimir un cambio de rumbo á cidade”, di Jorquera.

O portavoz do BNG é consciente de que “moitas coruñesas e coruñeses” tiñan a expectativa de que a formación nacionalista entrase no Goberno Local para mudar as políticas municipais nun sentido positivo.

“Agradecemos moitísimo esa expectativa e queremos explicar con claridade e transparencia porque iso non foi posíbel”, engade. “En calquera caso, traballaremos desde a oposición para lle dar á Coruña o impulso que necesita”, conclúe.

No primeiro dos actos “fío directo co BNG”, Jorquera avanza que o Bloque quere ser “a ferramenta de todas as coruñesas e coruñeses que lle queren imprimir un cambio de rumbo á cidade”