Marea Atlántica | nota de prensa

"Os malos resultados non significan a fin do municipalismo en Galicia"

O documento aprobado na asemblea sinala que “a principal causa é non ter construído unha alternativa seria e confiable para o electorado galego dende o espazo de ruptura”

"Os malos resultados non significan a fin do municipalismo en Galicia"
Rede
Rede Marea Atlántica

A Marea Atlántica aposta por “seguir construíndo desde o municipal”, facer valer o seu peso na cidade e no Concello da Coruña e traballar nunha federación do municipalismo galego

A Rede da Marea Atlántica, celebrada onte, xoves 23 de xullo, aprobou por ampla maioría un documento de balance e análise dos resultados das eleccións autonómicas do 12X, no que se asume “o fracaso sen paliativos” da coalición que representaba ao espazo de ruptura democrática, pero se advirte de que “non ten que significar a fin do municipalismo en Galicia”. Por iso, faise un chamamento a continuar o traballo e “seguir construíndo desde o municipal”.

O texto, elaborado pola Coordinadora da organización e enriquecido con emendas ao longo da semana, sinala que “os resultados das eleccións autonómicas non cumpriron ningún dos obxectivos previstos. Non se conformou unha maioría alternativa ao PPdeG, que acada unha nova maioría absoluta, frustrando as expectativas de cambio que puxéramos na convocatoria electoral (...) e non se acadou representación no Parlamento autonómico por parte da candidatura, algo que non se prevía nin nos escenarios máis pesimistas”.

Un balance de catro anos

Os motivos principais desta derrota, sinala o documento, non poden buscarse na campaña electoral ou no perfil do candidato, senón que obedecen ao acontecido nos últimos catro anos: “A principal causa é non ter construído unha alternativa seria e confiable para o electorado galego dende o espazo de ruptura. Dificilmente se pode dicir que a coalición electoral respondese agora, nin nos últimos anos, a un proxecto político compartido entre os diferentes actores”.

A Rede, que se desenvolveu no local da Marea na praza dos Ovos pero con posibilidade de intervir de xeito telemático por mor das medidas de seguridade fronte á COVID19, sinalou que, “as estratexias das diferentes organizacións políticas á hora de construír a unidade popular foron diverxentes e o resultado foron as continuas liortas internas e a disolución de En Marea como proxecto político común (...) o que non permitiu ao electorado galego atopar en Galicia en Común unha opción que respondese ás súas expectativas”.

Un futuro municipalista

Porén, o documento aprobado pola asemblea da Marea Atlántica conclúe que “os resultados das eleccións autonómicas non deben significar a fin do municipalismo en Galicia (...) aínda que si pode significar un cambio de rumbo na configuración do espazo de ruptura”.

Lémbrase que “a Marea Atlántica tivo hai pouco máis dun ano o apoio do 20% do electorado na Coruña, é fundamental para a gobernabilidade da nosa cidade e goza de boa saúde organizativa”. Ademais, o municipalismo segue a ser unha forza relevante en Galicia, con ducias de concelleiros e concelleiras, alcaldías como as de Sada, Teo ou A Pobra, e grupos municipais que son alternativa de goberno, como en Santiago de Compostela e A Coruña”.

Existe, pois “un pulso político compartido e vimbios para a construción e federación do municipalismo galego”. É un xeito de emendar outro dos erros dos últimos catro anos, que “non fomos quen vertebrar as diferentes expresións do municipalismo no noso país, pese ao indubidable potencial deste ao comezo do ciclo político”, en 2014-2015.

Continuidade no traballo municipal

Na Coruña, e tomando boa nota da mensaxe enviada pola cidadanía o 12X, a Marea Atlántica aposta por reforzar a súa actividade, “tanto no Concello como na creación de redes de solidariedade e capilaridade social, apoiando e participando das loitas cidadáns polos servizos públicos e a mellora da calidade de vida das nosas conveciñas”.

“Temos moito traballo por diante e unha oportunidade da que carecemos de 2015 ata hoxe: case tres anos sen convocatorias electorais até as municipais de 2023 (...) e debemos retomar decontado o reforzo da nosa presenza nos barrios e a nosa organización sectorial; a mellora dos mecanismos de participación e transparencia interna; a cohesión do espazo político; e a celebración dunha Marea Viva na que actualizarmos a estrutura da organización e o noso proxecto estratéxico”, conclúe o documento.

"Os malos resultados non significan a fin do municipalismo en Galicia"