AXENDA CULTURAL

Arte e reivindicación da memoria colectiva: os novos proxectos da convocatoria Grupo Xerminal

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presta o seu apoio ás iniciativas ‘Memorial libertario - Atochas 1937’, ‘Ofrécese artista limpa e responsable’ e ‘Irusu Ville’

Arte e reivindicación da memoria colectiva: os novos proxectos da convocatoria Grupo Xerminal
Ofrécese artista limpa e responsable, de +-35
Ofrécese artista limpa e responsable, de +-35

A Coruña, 5 de decembro de 2018.- A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento informa da presentación, esta semana, de tres novos proxectos da convocatoria pública de apoio á creación Grupo Xerminal que se desenvolverán en distintos espazos da cidade: Ofrécese artista limpa e responsable, Irusu Ville e Memorial Libertario - Atochas 1937

O primeiro deles, Ofrécese artista limpa e responsable, é unha proposta reivindicativa do colectivo +-35, que pretende visibilizar, a través deste proxecto, a situación de precariedade “na que se atopan moitas traballadoras e traballadores do sector artístico, “en especial daqueles nóveis ou que se atopan nun rango de idade que non lles permite acceder a subvencións públicas para facilitar o seu acceso ao mercado cultural”. Logo de ocupar mediante instalacións urbanas distintas rúas da cidade, o colectivo realizará esta semana unha exposición do proxecto na Casa Museo Casares Quiroga. A inauguración será hoxe, mércores 5, ás 20.00 horas e o traballo poderase visitar até o 9 de decembro.

A segunda proposta, Irusu Ville, é da ilustradora Iria Fafián, e parte da palabra xaponesa irusu, “que se utiliza para definir a situación na que unha persoa simula a súa ausencia cando alguén chama á porta”. O traballo de Fafián, que se poderá visitar na Fundación Luís Seoane desde mañá, día 6, e até o 19 de decembro, inspírase tamén no teatro das sombras, o mundo dos espíritos e dos contos fantásticos xaponeses. A artista propón “expandir os límites da ilustración” mediante a creación de imaxes “que traspasen o marco bidimensional para mergullar ao público na atmósfera das ilustracións”. Así, propón unha instalación en catro caixas de luz nas que se misturan elementos tridimensionais, como a luz e o son, no marco dunha sala escura, na que se recrea un ambiente misterioso na que as e os visitantes poden experimentar, desde un novo punto de vista, o que acontece nese espazo.

Finalmente, mañá xoves 6 tamén terá lugar a xornada central do proxecto Memorial libertario - Atochas 1937, unha iniciativa que se vén desenvolvendo desde a pasada semana en diferentes espazos da cidade e que pretende poñer o foco sobre o asasinato, na madrugada do 10 de xullo de 1937, de veciñas e veciños das Atochas-Monte Alto por parte das tropas de asalto franquistas. O proxecto, impulsado por Daniel Palleiro, “quere recuperar, esclarecer e reparar a memoria, ademais de render homenaxe ao grupo de militantes libertarias e libertarios da Coruña e visibilizar a resistencia e a loita obreira como parte do carácter e da identidade do barrio”.

Deste xeito, mañá, entre as 12.00 e as 21.00 horas, realizarase unha xornada de actividades abertas á veciñanza na praza Cántigas da Terra, nas Atochas --no caso de choiva, trasladarase á Libraría Fiandón--, na que se sucederán charlas, concertos e recitais nas que participarán, entre outras figuras, Emilio Grandío, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Manolo Rivas, Carmen Cotelo, Xurxo Souto, Astrogirl, Aldara Cidrás, Xosé Lois Martínez e Emilio Argiz. Tamén haberá espazo para as testemuñas de Dolores Ares, Fernando Souto e Chema Palacios, e renderase homenaxe ás loitadoras e loitadores antifascistas da Coruña.

Comentarios
Arte e reivindicación da memoria colectiva: os novos proxectos da convocatoria Grupo Xerminal